O BNG demandará en pleno a rebaixa do 21% do IVE que se lle aplica ao sector dos salóns de peiteados
A Coruña, 4 de abril de 2014.- A edila nacionalista, Avia Veira, presentou esta mañá, en rolda de prensa unha moción que levará o Bloque Nacionalista Galego ao vindeiro pleno do 7 de abril para a rebaixa do 21% do IVE que se aplica ao sector dos salóns de peiteado.
O sector das perruquerías veuse prexudicado pola aplicación do Real Decreto lei 20/2012 acordado polo Goberno do Estado español pola que este sector pasou de estar beneficiado polo IVE reducido, do 8%, a aplicárselle o desorbitado imposto do 21%, sinalou Avia Veira, que tamén advertiu do que se desprende do informe de reforma fiscal do chamado comité de expertos que ameaza cun aumento do IVE de até o 23%.
As nacionalistas lembran na moción que o BNG xa presentara no Congreso dos Deputados unha iniciativa o 11 de setembro de 2012 para manifestar a súa oposición a aquel incremento brutal do IVE no referido aos salóns de peiteado e agora volvemos a manifestarnos en contra tal e como demanda o sector e as traballadoras e traballadores que se ven afectadas por este drástico imposto e que o están a manifestar nas rúas mesmo presentando sinaturas na Axencia Tributaria.
A edila nacionalista engadiu que esta medida do Goberno do Partido Popular está a provocar o peche de moitos estabelecementos, a perda de postos de traballo e de clientes dado que, no seu momento, provocou que o sector asumise o IVE sen repercutilo na clientela coa conseguinte eliminación de centos de postos de traballo, que ademais afecta a un sector formado principalmente por persoas autónomas. Para Avia Veira, os datos do sector son reveladores pois o pasado 2013 pecharon 8.000 salóns de perruquería e estética no conxunto do Estado español e as previsións para 2014 é de que pechen 6.000 máis.
Agardamos que o Partido Popular apoie esta moción dado que o Sr. Negreira se comprometeu nunha reunión co sector a trasladar as súas reivindicacións ao Goberno do Estado
Na moción, o Grupo Municipal do BNG faise eco das reivindicacións do sector e demándalle ao Pleno que inste a Xunta de Galiza a que demande do Estado a rebaixa do IVE do 21% que actualmente se aplica ao sector comercial dos salóns de peiteado e trasladar o acordo ao presidente da Xunta de Galiza presidente do goberno do Estado español e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.
Por último, o BNG da Coruña agarda que o Partido Popular apoie esta iniciativa dado que, nunha reunión con representantes do sector das perruquerías, o Sr. Negreira comprometeuse a trasladar as súas reivindicacións ao Goberno do Estado.