O BNG insta ao Goberno Municipal a paralizar as obras ou revisar de oficio a licenza dada a COPASA
O mamotreto do edificio de usos comerciais foi autorizado por licenza outorgada polo Goberno Municipal de 28 de setembro de 2012
O BNG tiña alegado e recorrido contra da licenza, mais o Goberno Municipal autorizou o volume sobre a rasante do parrote
Estaba cego o Sr. Negreira cando autorizou o que agora escandaliza á cidadania coruñesa?
O Grupo Municipal do BNG sinala que o mamotreto do edificio de usos comerciais e a estrutura metálica que sobresae sobre a rasante do Parrote, e que ten un enorme impacto visual sobre o Castelo de Santo Antón, forma parte do proxecto de implantación e construción dun aparcadoiro soterrado, edificio comercial e urbanización do ámbito do peirao do Parrote, cuxa licenza outorgou o Sr. Negreira en Xunta de Goberno Local de 28 de setembro de 2012 á S.A. de Obras e Servizos COPASA.
O mamotreto do Parrote é un escándalo visual e urbanístico que debe ser evitado.
Así se pode comprobar nos planos que forman parte da solicitude presentada por COPASA e outorgada polo Goberno Local do Sr. Negreira, que agora quere pedirlle a COPASA que modifique o que expresamente foi autorizado polo Goberno Municipal que el preside.
O portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, lembra ao respecto que o BNG formulou alegacións ao proxecto e mesmo recorreu en vía administrativa a licenza de obras por, entre outras razóns, o volume sobre a rasante do paseo do Parrote e o seu enorme impacto visual sobre a perspectiva do Castelo de Santo Antón e zona portuaria. Mais o Goberno Local do Sr. Negreira rexeitou ditas alegacións e o recurso presentado e confirmou a licenza outorgada a Copasa.
O BNG considera que o Sr. Negreira debería explicarlle á cidadanía coruñesa, escandalizada por semellante mamotreto, as razóns polas que o autorizou no seu momento. E non pode alegar descoñecemento porque o BNG xa o tiña alertado sobre o asunto.
De xeito que, unha de dúas. Se o que se está construíndo non se axusta á licenza, o que procede é a inmediata paralización das obras e, ao contario, se se axusta á licenza, o procedente é revisar de oficio a licenza ou que o Concello inste de Copasa á reforma do proxecto.
Artigo relacionado: http://bng.gal/cidadedacorunha/2014/05/04/o-evidente-impacto-visual-das-obras-do-parrote-sobre-o-castelo-de-santo-anton-negado-polo-pp/
Galería de fotos das estruturas: https://www.facebook.com/BngACorunha/posts/657153787673516