Paulo Carballada, elixido novo responsábel comarcal do BNG
A Coruña, 21 de marzo de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego conta, desde esta tarde, con novo responsábel comarcal. O filólogo e profesor de autoescola Paulo Carballada (A Coruña, 1978), responsábel, até o de agora, do Grupo de Barrio do BNG nos Rosales e membro da candidatura encabezada por Xosé Manuel Carril nas eleccións municipais de 2011, concorreu de número 1 na listaxe de integración aprobada na asemblea comarcal que tivo lugar hoxe. Paulo Carballada reempraza a Silvia Seixas, que cumpriu como responsábel comarcal o período máximo que permiten os Estatutos do BNG.
A listaxe, proposta por unanimidade do Consello Comarcal saínte, é representativa da formación frontista, ao recoller a pluralidade existente no BNG. Compóñena persoas con dilatada experiencia institucional e persoas procedentes do traballo na base e nos movementos sociais, ademais de xente moza. Acompañan a Paulo Carballada Francisco Rei (Oleiros), Silvia Seixas (Arteixo e responsábel comarcal saínte), Suso Bermello (A Coruña), Raquel Jabares (Culleredo), Manuel Ferreiro (Oleiros), Mariví Amor (Cambre), Xesús Domenech (Abegondo), Rocío da Igrexa (Cerceda), Anxo Sánchez (A Coruña), Carme Vilariño (A Coruña), Álvaro García (A Coruña), Vitoria Louro (Carral) e Manuel Anxo García (Culleredo). A esta listaxe, cun marcado carácter renovador, sumaranse os responsábeis locais que sexan electos no proceso asemblear aberto e o representante comarcal de Galiza Nova.
A prioridade, combater toda clase explotación e toda inxustiza social que nos nega un mundo mellor
Na súa intervención na asemblea comarcal desta tarde, que forma parte do proceso de renovación dos órganos de dirección do BNG logo da XIV Asemblea Nacional, o nacionalista puxo de manifesto que a listaxe que encabezou ten como prioridade combater toda clase explotación e toda inxustiza social que nos nega un mundo mellor. Sinalou que renega da política que emprega as cifras da crise en beneficio propio sen apostar por alternativas enfrontadas ao poder nin ter en conta o sufrimento das persoas. Nesta liña, engadiu que no BNG non desfaleceremos na defensa da inmensa maioría do pobo.
O novo responsábel comarcal do BNG comprometeuse a traballar para que a conciencia nacionalista e de esquerda sexa hexemónica na Coruña e en Galiza e apelou a superar o marco actual. A UE e o Estado español amosan que non son institucións ao servizo das maiorías sociais e a súa arquitectura debe ser superada, apuntou, ao respecto. Ademais, salientou que é contraditorio considerarse unha persoa demócrata e negarlle a Galiza o dereito a decidir libremente o seu futuro.