Mentres o Sr. Negreira se laia e non fai nada respecto de Someso, o BNG acode ao Tribunal de Cuentas
A Coruña, 18 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que mentres o Goberno do Sr. Negreira se laia e non fai nada, agás criticar o BNG e protexer o Sr. Paco Vázquez, principal responsábel político da desfeita, e o Sr. Fontenla, principal favorecido, o BNG pon en coñecemento do Tribunal de Cuentas os feitos de Someso. Foi no día de onte cando o BNG enviou ao Tribunal de Cuentas toda a documentación do caso Someso para depurar as responsabilidades que proceder e poder recuperar economicamente o que lle corresponde ao Concello da Coruña.
No escrito remitido ao Tribunal de Cuentas, o BNG expón que existe acreditado o dano patrimonial grave á facenda municipal sobre as actuacións en Someso. Alúdese, neste punto, ao conxunto de ilegalidades e infraccións recollidas no informe municipal e ponse de manifesto que a funcionaria instrutora entende que lle causou unha lesión económica ao Concello da Coruña por valor de 19.239.383 euros. Esta lesión, sinala o BNG, deriva substancialmente da apropiación privada de bens e dereitos municipais, así como a venda ilegal do aproveitamento municipal no sector e a execución duns convenios urbanísticos con perda patrimonial inxustificada para o Concello.
Non é unha casualidade que Inversora Obelisco sexa unha das sociedades mencionadas expresamente no informe municipal de 15 de xuño de 2012 que se apropiaron de terrenos municipales. Cómpre lembrar que só na parcela de Espazo Coruña, Inversora Obelisco (do grupo Fontela) obtivo un beneficio de 16 millóns de euros pola venda da parcela.
Competencia xurisdicional do Tribunal de Cuentas
Na documentación enviada, o Grupo Municipal do BNG demostra que é totalmente compatíbel a acción penal coa xurisdición contábel do Tribunal de Cuentas, cuxa xurisdición é mesmo preferente sobre a penal en materia de responsabilidade civil por lesión patrimonial á facenda municipal.
Por iso, con independencia das accións penais, administrativas ou civís que procedesen contra as persoas responsábeis e beneficiarias da lesión patrimonial ao Concello da Coruña, o Tribunal de Cuentas debería coñecer, e no seu caso, depurar as responsabilidades que puidesen existir. Engade o BNG que este Tribunal é competente para fixar o importe dos danos e prexuízos ocasionados que poidan corresponder.
Os Tribunais dificilmente cambiarán de criterio mentres o Goberno municipal non revise de oficio os actos administrativos irregulares de Someso
Pola outra banda, en relación ás novas sentenzas ás que aludía onte o Goberno municipal, o BNG pon de manifesto que mentres o Goberno do Sr. Negreira non revise de oficio os actos administrativos irregulares de Someso, que sexan nulos de pleno dereito, os Tribunais dificilmente mudarán de criterio xurisprudencial. Así llo pediu o BNG ao Goberno municipal en reiteradas ocasións, sen que as súas iniciativas prosperaran.
As sentenzas non van modificarse mentres subsistan xuridicamente os actos administrativos sobre os cales o propio Tribunal Superior resolveu en máis dunha ocasión declarando que houbo expropiación. Sinala o BNG que o Tribunal Superior de Xustiza dificilmente poderá cambiar de criterio xurisprudencial se o propio Goberno Local manten firmes actos que son ilícitos.
Por iso, a declaración de falsidade dos certificados dificilmente poderá ter trascendencia procesal mentres non se revisen todos os actos administrativos previos e posteriores. Dicir que é falso un certificado que declara que as fincas foron expropiadas cando dita expropiación foi a vía elixida e declarada polas Providencias da alcaldia (Paco Vázquez) é contraditorio. Resulta contraditorio soster que non houbo expropiación (que o é, como vén reiterando, ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza) e non proceder a revisar tamén as Providencias de Paco Vázquez que ordenaban executar un proceso expropiatorio. Unha contradición que só se pode entender desde o punto de vista do Goberno Local do PP, que silencia a Paco Vázquez como máximo responsábel político e só centra a súa atención naqueles funcionarios que asinaron documentos que son consecuencia dun proceso administrativo ordenado polo propio Paco Vázquez.