Carril leva a Pleno unha moción en defensa da biblioteca veciñal de Monte Alto

Carril leva a Pleno unha moción en defensa da biblioteca veciñal de Monte Alto

A Coruña, 31 de xaneiro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, presentou esta mañá, en rolda de prensa, unha moción en defensa da biblioteca pública de Monte Alto. "En primeiro lugar, pedimos recoñecer e defender o valor da biblioteca veciñal do barrio das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules como un centro de múltiples usos sociais esenciais para conseguir unha maior calidade de vida da veciñanza tanto deste barrio como doutros e, en segundo lugar, reclamamos garantir o financiamento da biblioteca a través da renovación do convenio coa Asociación de Veciños As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, que estaba vixente até o 31 de decembro de 2012, para permitir que este espazo siga aberto", sinalou. "E tamén pedimos garantir unha participación real e efectiva das asociacións veciñais nas tomas de decisión que atinxen os barrios en que estean implantadas estas entidades", engadiu.

Carril salientou que a biblioteca veciñal "non é só un espazo de lectura, é moito máis, ten moi diversos usos que lles dan os veciños e veciñas que alí acoden, de moi diferentes idades e necesidades". "A escusa do Goberno municipal de que hai outra biblioteca carece, totalmente, de sentido, xa que falamos dun espazo que é, ademais dun lugar de lectura, un lugar de encontro e de información", sinalou. Tal e como recolle a moción, a biblioteca ten acceso gratuíto á internet, é un lugar onde se pode solicitar asistencia legal gratuíta e consultar cunha avogada, serve para interpoñer reclamacións e solicitudes ante o Concello e outras administracións públicas, para organizar cursos, charlas, contacontos.... un lugar para facer veciñanza e para socializarse.

 

"O Goberno municipal non ten nada que meditar, só ten que dicir si ou non a un proxecto que leva funcionando desde o 1986, que é autoxestionado e que ten unha enorme rendibilidade social"

"O Goberno do Sr. Negreira, que onte na reunión cos representantes da entidade veciñal dixo que tiña que meditar, non ten nada que meditar, só ten que dicir si ou non a un proxecto que leva funcionando desde o 1986, que é autoxestionado e que ten unha enorme rendibilidade social", engadiu. "No Pleno do luns, o Goberno municipal ten a oportunidade de saír das súas meditacións e de apoiar a moción do BNG", advertiu.

O portavoz nacionalista apuntou que "non hai motivo que determine o peche da biblioteca e se os hai son os de hostigamento e represión á asociación por ser unha entidade que reivindica e defende os intereses dos veciños e veciñas, que é o que non fai a outra asociación de Monte Alto que se vén de constituír e que está moi ligada aos intereses do PP". Sobre esta asociación veciñal recentemente creada, Carril salientou que "aínda non se posicionou, sobre a biblioteca e mantén un silencio cómplice".

 

"Ao PP non lle interesan os espazos autoxestionados nin que a xente pense por si mesma e sexa crítica"

Carril puxo de manifesto que ao PP "non lle interesa a existencia deste tipo de espazos autoxestionados a pesar de proclamar que defende a liberdade nin tampouco lle interesa que a xente pense por si mesma e sexa crítica, quere sumar as persoas ao seu pensamento único". "Na manifestación en defensa da biblioteca falabamos de que se no 1936 se queimaban libros, neste 2013 se pechan bibliotecas e, sempre, coa mesma orientación: impedir o acceso á cultura e adoutrinarnos no pensamento único", advertiu.

"A pelota está no tellado do PP, que o ten moi doado", sinalou Carril. "Se quere que a biblioteca siga aberta, que renove o convenio", concluíu.

 

Se picades nesta ligazón, podedes ver un anaco da rolda de prensa.

Carril leva a Pleno unha moción en defensa da biblioteca veciñal de Monte Alto