Homenaxe a Domingos Merino, o primeiro alcalde elixido na Coruña da democracia
O BNG convida á cidadanía a participar na homenaxe que mañá se realizará ao exalcalde nacionalista Domingos Merino
Mañá, martes, 29 de abril, ás 20 horas, no Circo de Artesáns da Coruña, celebrarase a homenaxe, que promove o Bloque Nacionalista Galego, ao exalcalde nacionalista Domingos Merino, aproveitando o 35 aniversario da súa chegada á alcaldía da cidade e converterse no primeiro alcalde democrático despois de corenta anos de dictadura franquista.
Será unha homenaxe cívica aberta á toda a cidadanía para lle rendir tributo a un home que destacou pola súa vocación de servizo público e o seu carácter afábel e sempre ao servizo do pobo coruñés e galego.
No acto intervirá unha ampla representación do mundo cultural e social do momento. Así contarase, entre outros, coa presenza de Manolo Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Souto, Felipe Senén, Miguel Ladrón de Guevara, Iria Peña, Xulio Valcárcel, Fernando Morán, Miguel Mato, Xavier Seoane, etc. Tamén participará na homenaxe o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, organización na que milita o propio Domingos Merino.