Chega tarde o anuncio do Goberno municipal sobre a reunión c@s veciñ@s do Birloque e Mesoiro
A Coruña, 12 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o anuncio desta mañá do Goberno do Sr. Negreira afirmando que se reunirá coa veciñanza do Birloque e de Mesoiro chega tarde e faise despois de que o BNG lle reclamara onte, na sesión plenaria, diálogo coa asociación veciñal Os Anxos do Birloque e coa de Mesoiro. Chega tarde este anuncio de reunión porque o Goberno municipal xa aprobou en Xunta de Goberno Local de 18 de xuño de 2013 as modificacións técnicas a ter en conta na execución e remate das obras de construción dos novos accesos da AC 14, no tramo Lonzas-A Zapateira e despois de mandarllos ao Ministerio de Fomento. É dicir, o Goberno do Sr. Negreira recibirá as persoas afectadas a feitos consumados e non antes de enviarlle a proposta a Fomento, como sería o lóxico.
Ademais, o anuncio chega despois de que o BNG lle esixira onte en Pleno ao Goberno municipal diálogo coa asociación veciñal Os Anxos do Birloque e mais coa asociación veciñal de Mesoiro. Precisamente, o presidente da asociación veciñal Os Anxos, Ramón Mañana, chegoulle a solicitar formalmente, por rexistro, e até en dúas ocasións (novembro de 2012 e xuño de 2013) ao Goberno do Sr. Negreira unha reunión (achégase copia de entrada por rexistro destes dous documentos en arquivo ANEXO).
Ao contrario do sinalado esta mañá polo portavoz do Goberno municipal, quen salientou o clima de diálogo entre a Concellaría de Urbanismo e Infraestruturas e a veciñanza, Ramón Mañana, en nome da asociación que preside, solicitou en novembro de 2012 unha reunión urxente co concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, o Sr. Fernández Prado. Esta petición non tivo resposta por parte do Goberno municipal, ao igual que aconteceu coa solicitude de reunión urxente, con entrada por rexistro a 26 de xuño de 2013, tamén dirixida ao concelleiro de Urbanismo, para coñecer como van quedar as obras da terceira rolda en Lonzas, o acceso entre a Avda de Glasgow e Pablo Picasso e sobre o paso elevado, ademais doutras peticións de mellora na seguridade viaria propostas pola asociación veciñal.
O BNG expón as medidas reclamadas pola veciñanza
O Grupo Municipal do BNG insiste en pedirlle ao Goberno do Sr. Negreira que escoite a veciñanza e adopte as medidas oportunas para adoptar as melloras que solicitan. Así, tal e como lle transmitiu o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, ao Goberno municipal na sesión plenaria de onte, as veciñas e veciños queren saber como vai quedar a altura do paso elevado, onde vai comezar a saída e onde vai rematar, como quedan os carrís adxacentes na Avenida de Glasgow, como van acceder os coches aos garaxes das casas 1-3 e 2-4 desta avenida e a que distancia vai ficar a estrada da parte máis achegada ao edificio 12 de Pablo Picasso.
Ademais, as demandas máis urxentes por parte da veciñanza son a redución da velocidade a 30km/h na Avenida de San Cristóbal e en Salgado Torres, tanto durante as obras como ao seu remate, o estabelecemento de pasos de peóns correctamente sinalizados e con badéns e a colocación de pantallas antiruído no tramo de obras con núcleos de poboación, ademais doutras melloras citadas xa onte en Pleno polo portavoz do BNG, como a necesidade de mellorar o camiño de acceso ao lugar de San Cristovo, que conta cunha rampla de gran pendente para as persoas con mobilidade reducida.
Tamén salienta o BNG unha proposta nada descabelada que parte da veciñanza para soterrar o tráfico rodado na Avenida de San Cristovo. Para as nacionalistas, visto o furor escavador do alcalde Negreira a toupeira, o Goberno municipal debería beneficiar a veciñanza e non a Autoridade Portuaria, á que lle vai construír na Mariña un túnel de máis de 16 millóns. O Grupo Municipal do BNG rexeita que o Concello financie o túnel da Mariña, completamente innecesario, só en beneficio da Autoridade Portuaria.