Carril transmítelle o apoio e solidariedade @s traballadores acampados en Nostián
A Coruña, 15 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Carril, visitou esta mañá os traballadores de Albada acampados fronte a Nostián. Carril, que lles transmitiu a solidariedade das nacionalistas, esixe a defensa dos postos de traballo e mais a readmisión dos traballadores despedidos. O portavoz nacionalista reproba a indiferenza do Goberno municipal diante do despedimento dos 11 traballadores e do conflito laboral creado dentro dunha planta que é unha concesión municipal. De aí que o Grupo Municipal do BNG, que acusa o alcalde de tomar parte pola empresa e non polos traballadores, inste o Partido Popular a deixar de ser cómplice da UTE e a ser cómplice da desfeita no emprego, nos dereitos e nos servizos públicos.
O Comité de Empresa trasladoulle a Carril que a empresa, despois de despedir 11 empregados (8 deles foron botados á rúa no proceso de negociación do convenio) quere reducirlles o salario un 25%, o que representaría uns 500 euros ao mes por traballador, e quere, tamén, aumentarlles as horas de traballo. Lembran os empregados que a empresa e o grupo Urbaser, ao que pertence, colleitou no 2011 máis de 146 millóns de euros en beneficios e que Albada aumentou a facturación do canon do lixo no primeiro trimestre de 2013 en máis de 100.000 euros respecto de 2012.
Os traballadores advirten de que en Nostián non se recicla
Os propios traballadores reveláronlle ao BNG que o lixo que chega á planta de Nostián non se está a tratar correctamente e que apenas se recicla. E isto, sinalaron, que a veciñanza da Coruña está a pagar cada vez máis por un servizo, o da reciclaxe, que non se está a prestar. Advirte o Comité de Empresa que dificilmente se van poder acadar as cotas de reciclaxe necesarias se hai menos persoas traballando na planta de residuos.
Namentres, o Goberno do Sr. Negreira segue a impedirlle ao Grupo Municipal do BNG o acceso á planta de reciclaxe e segue a impedirlle o acceso ás auditorías económica e técnica. O BNG, que só ten coñecemento do que acontece na planta a través dos traballadores, sempre insistiu en coñecer o resultado destas auditorías para ter coñecemento dos incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados.