O BNG urxe o alcalde a cumprir a moción encamiñada a anular a quita ás preferentes

O BNG urxe o alcalde a cumprir a moción encamiñada a anular a quita ás preferentes

A Coruña, 27 de xuño de 2013.- Coincidindo co día en que as persoas estafadas pola fraude das preferentes abandonan a súa estadía, como medio de protesta, na oficina adscrita ao Grupo Municipal do BNG, as nacionalistas insisten en urxir o alcalde a cumprir a moción aprobada por unanimidade*, a instancias do BNG, no mes de xuño, sobre as preferentes. As nacionalistas lembran que o Alcalde é quen ten a competencia de facer cumprir os acordos adoptados nas sesións plenarias. Así, emprázano a resolver, de inmediato, os acordos da moción, que insta a esixirlle ao Goberno central a modificación da Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, co fin de anular as quitas ás participacións preferentes e subordinadas.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que a única solución válida e xusta á estafa das preferentes é doada: hai que modificar a lei, tal e como aprobou o Pleno da Corporación municipal a instancias do BNG, para garantir a devolución íntegra dos aforros, sen rebaixas nin descontos de ningún tipo, en cartos líquidos e non en produtos financeiros. A quita, denuncian as nacionalistas, supón unha expropiación forzosa a través da que o Partido Popular, que é o mesmo que na Coruña lles dá as palmadiñas nas costas ás persoas estafadas, lles fai pagar ás vítimas os abusos da banca.

O Concello, hermeticamente pechado

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG critica a actitude represora do Goberno do Sr. Negreira coas persoas estafadas, que hoxe se concentraban na praza de María Pita, ateigada de axentes da policía local e nacional. Advirte o BNG de que ás persoas estafadas se lles impediu o acceso ao palacio municipal, cuxas portas ficaron, durante dúas horas, hermeticamente pechadas, como se as vítimas fosen as delincuentes.

As nacionalistas lamentan que o alcalde fuxira do palacio municipal e se negara a recibir as persoas estafadas, que pedían unha reunión co Sr. Negreira ou, no seu defecto, co portavoz do Goberno, que tamén se negou a acceder a esta demanda.

 

* Acordo adoptado por unanimidade en base á moción do BNG

A moción do BNG aprobada por unanimidade en Pleno e que o alcalde ten a obriga de cumprir contempla estes acordos:

1. Pleno da Corporación Municipal da Coruña fai súa a proposición de reforma da Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes e outros instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada aos aforradores e pequenos investidores sen experiencia financeira, aprobada por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza, o día 28 de maio de 2013.

2. Pleno da Corporación Municipal da Coruña empraza o Congreso dos Deputados a modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, que estabelece a quita ás persoas aforradoras que foron estafadas na fraude das preferentes e subordinadas, en base á proposición de lei debatida no Congreso dos Deputados o 28 de maio de 2013.

3. Pleno da Corporación Municipal da Coruña adoptará as medidas oportunas para instar a todas as Administracións a adoptar unha solución satisfactoria ao problema descrito da colocación de participacións preferentes e débeda subordinada entre pequenos aforradores, que debe pasar pola devolución íntegra do nominal investido nestes títulos, sen que se apliquen rebaixas ou descontos de ningún tipo.

 

O BNG urxe o alcalde a cumprir a moción encamiñada a anular a quita ás preferentes