O BNG denuncia que o Goberno municipal recortou nun 99% as axudas ao autoemprego
A Coruña, 18 de xullo de 2013.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia denuncia que o Goberno municipal vén de recortar nun 99% a partida de axudas a fondo perdido para favorecer o autoemprego e a creación de empresas, coñecidas polo nome IMES, Iniciativas Municipais de Emprego. A nacionalista advirte de que dos 180.000 euros iniciais, a partida quedou con tan só 1.525,26 euros, o que representa un tesoirazo do 90%, despois de aprobar o Partido Popular o primeiro modificativo de crédito do ano 2013.
Ermitas Valencia, que advirte de que o paro na Coruña se incrementou en case 4.000 persoas desde que goberna o Sr. Negreira, vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita en que se interesa por saber se o Goberno municipal ten previsto convocar estas subvencións a fondo perdido e cando se convocarían. Pregunta, ademais, se prevé aumentar a partida retallada.
A concelleira nacionalista sinala que a páxina web de emprego recolle a información sobre as IMES e recolle a referencia á convocatoria do ano 2012. Malia que na web se expoñen os obxectivos destas axudas a fondo perdido, non se informa sobre a convocatoria de 2013 que, no caso de desenvolverse, contaría con tan só 1.525,26 euros.
Os 178.474,74 euros das axudas para persoas emprendedoras son destinadas a dedazos
Ermitas Valencia pon de manifesto que, en virtude do modificativo de crédito aprobado na sesión plenaria de xullo, co voto contrario do BNG, o Goberno municipal substraeu 140.000 deses 180.000 euros a un viveiro de empresas-centro de innovación empresarial cuxo punto de partida é o protocolo asinado entre o Concello, a Fundación Emalcsa, a Cámara de Comercio e a Fundación Instituto Cameral. Advirte de que, segundo decreto de Alcaldía de 3 de maio de 2013, este convenio non ía supor achega económica ningunha, cando lle supón ao Concello, por conta das subvencións IMES, 140.000 euros. Os 38.474,74 euros restantes son destinados á Asociación de Jóvenes Empresarios.
A concelleira nacionalista conclúe criticando que o Goberno municipal mudara unha convocatoria de subvencións a iniciativas empresariais de emprego por dedazos.