O BNG-AA recolle no programa actuacións para mellorar a calidade de vida nos Mallos e na Sagrada
A Coruña, 16 de abril de 2015.- No marco da campaña de Todas As Coruñas, candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas percorreron na tarde de hoxe as rúas dos Mallos, da Sagrada Familia, Vioño e A Falperra para recoller as propostas da veciñanza de cara as incorporar no programa electoral. En total, a iniciativa das persoas que viven no barrio, a formación nacionalista incluirá no programa máis dunha vintena de actuacións.
En declaracións aos medios, o cabeza de lista do BNG-AA, Xosé Manuel Carril,
puxo de manifesto que o programa electoral recollerá propostas para humanizar Os Mallos, A Sagrada Familia, Vioño e A Falperra para que a veciñanza gañe en calidade de vida, promovendo a convivencia dos veciños e veciñas desde a interculturalidade. Entre as propostas destacadas por Carril atópanse accións de rehabilitación do núcleo central dos Mallos e a dotación de espazos diáfanos que humanicen o barrio; o acondicionamento da Agra dos Mallos; un plano de prevención ante as frecuentes inundacións que se rexistran en determinados puntos do barrio e actuacións concretas urxentes na Falperra dado o seu estado de abandono-, no paseo situado entre o recanto da Rolda de Nelle e a rúa Falperra, no primeiro tramo da rúa Biscaia.
Tras conversar cos veciños e veciñas, Carril puxo de manifesto outras das peticións máis reiteradas pola veciñanza, como a de facilitar a accesibilidade aos servizos sociais e aos servizos cívicos do barrio e de achegalos ás distintas zonas; a de aumentar a oferta de actividades e prazas que a día de hoxe existen no centro cívico e a de chegar a un acordo coa Consellaría de Educación e cos claustros dos institutos e centros de ensino do barrio para que a veciñanza poida usar as súas instalacións fóra do horario lectivo. Precisamente, esta medida xa fora recollida no programa electoral co que o BNG concorreu ás eleccións municipais de 2011.
Ademais, o candidato do BNG-AA chamou a apoiar e promover o pequeno comercio de barrio e a resolver a situación que padecen os praceiros e praceiras de Santa Lucía nos termos recollidos na moción aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal a instancias do BNG.
Carril tamén apelou á necesidade de mellorar o transporte público urbano, co fin de dotar o barrio de liñas de comunicación co centro de saúde, co centro cívico e co resto dos seus servizos sociais; de aproveitar os lugares abertos para os dotar de espazos verdes e de acondicionar algún espazo para a creación de hortas urbanas.