Carril: "O alcalde negouse a contestar as nosas preguntas sobre as súas actuacións no caso Pokemon"
A Coruña, 10 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala, tras o pleno desta mañá, que a diferenza do seu portavoz municipal, que tivo a valentía de defenderse persoalmente en plenos anteriores, o Sr. Negreira negouse a contestar as preguntas orais do BNG sobre as súas actuacións no caso Pokémon.
O BNG sinala que malia se tratar de cuestións dirixidas directamente ao Sr. Negreira e estritamente relacionadas coa súa persoa, e por tanto indelegábeis, o Alcalde optou por agocharse delegando nos seus concelleiros as respostas. E é que Carril lembroulle ao inicio da súa intervención que este xa tivera dúas oportunidades de render contas sobre o impacto da operación Pokémon no Concello da Coruña nas sesións de xaneiro, a través dunha pregunta oral do BNG para saber se tiña pensado adoptar algunha medida contra as persoas imputadas, e de febreiro, a través dunha moción das nacionalistas que lle emprazaban a adoptar unha serie de medidas en relación co caso Pokémon, e non o fixo, a diferenza do portavoz local, o Sr. Flores, que tivo a afouteza de defenderse persoalmente cando o tivo que facer.
Ante a delegación de Negreira nos seus concelleiros para non respostar persoalmente as preguntas orais do BNG sobre as súas actuacións no caso Pokémon, Carril, para garantir que o día de mañá ninguén alegue o mal de non me consta, non me recoñezo e non lembro, exixiu que constara en acta que as preguntas ían dirixidas ao Alcalde, e que era este quen tiña que as respostar.
Sr. Negreira, tras coñecerse boa parte do sumario da operación Pokémon, tiña coñecemento dos asuntos e actuacións dos seus concelleiros e persoal de confianza?
A primeira pregunta que lle fixo o portavoz nacionalista ao Alcalde, e que este non respostou, foi sobre se tiña coñecemento dos asuntos e actuacións dos seus concelleiros e persoal de confianza. Así, Carril insistiu en preguntarlle ao Alcalde na súa intervención se coñecía as actuacións do Sr. Flores, de se este actuaba por iniciativa propia ou a instancias do que el lle mandaba, xa que do sumario se desprende que si debería ter coñecemento. Tamén lle preguntou, se coñecía as actuacións, como axentes de colocación, da súa concelleira de Cultura e do de Servizos Sociais e de se estes actuaban por iniciativa propia ou a instancia do propio alcalde e se coñecía o que acontecía no IMCE, en relación coa perversa xestión que se está a descubrir coa Pokémon (facturas falsas, colocacións ), xa que é o presidente do instituto público e a súa concelleira de Cultura a vicepresidenta e persoa na cal delega unha boa parte das súas funcións.
Carril porfiou en que o alcalde esclarecese por si mesmo, e non delegando nos concelleiros, se tiña coñecemento das actuacións dos seus concelleiros e do seu persoal de confianza, máxime cando do contido do sumario se desprende que houbo algunha chamada feita polo Sr. Flores no transcurso dunha Xunta de Goberno Local co xerente do grupo Vendex en relación á tarificación da ORA, en concreto a de 2 de decembro de 2011, na que o alcalde estaba presente polo que debería ter coñecemento do que estaba a facer o seu portavoz local. E cando, ademais, da lectura do sumario se desprende que Doal semella que xogou con vantaxe no tema da ORA e cando a propia investigación de vixilancia aduaneira se fixa no acrecentamento dos pagos que se aboa anualmente á empresa Doal sen ningunha contraprestación da empresa para o Concello da Coruña, o que lle supón a Vendex un incremento de beneficios.
Sr. Negreira, sobre que asuntos municipais tratou no encontro co Sr. Espadas o 12 de xullo no Concello?
Na segunda pregunta oral, o portavoz nacionalista sinalou que o sumario da operación Pokémon dá conta da reunión que mantivo o alcalde co Sr. Espadas o 12 de xullo de 2012 e da entrega por este dun papeliño. Así, reiteroulle ao Alcalde que debería explicar publicamente el, e non outros, que temas municipais concretos tratou con Espadas, antigo xefe de gabinete de Conde Roa e compañeiro de partido, na xuntanza de 12 de xullo e o que din as notas do papeliño que lle deixou.
Lembrou Carril, que o Sr. Espadas, compañeiro e amigo do Sr. Negreira, traballaba exclusivamente naquel momento, tres meses despois de ser destituído en Compostela, para empresas privadas e como ponte de entrada destas nas distintas administracións. Así o portavoz nacionalista, na súa intervención, fixo mención ao sumario cando Espadas coméntalle a outra persoa para a que estaría a realizar intermediación o seguinte: Negreira me dijo que en el Ayuntamiento alguna cosa de servicios, pero que de obra nada a corto o medio plazo (véxase tomo 21, páxina 12172), e volveulle a solicitar a Negreira que dixese de que falou con este. Tamén aludiu o nacionalista, en relación ao contido das notas que lle deixou Espadas ao Alcalde, a outra conversa telefónica de Espadas coa mesma persoa no que lle di: que le pasó un papeliño con unas cosas a Negreira y que ya le comentará en persona la gestión que ha hecho (véxase tomo 21, páxina 12172), e convidou ao alcalde a que aproveitase o momento para dicir que xestión fixo.
Finalmente, o nacionalista díxolle ao alcalde que podía reunirse con quen quixer e cando estimar oportuno, ora ben, se esa reunión se fixo na súa condición de Alcalde e no propio Concello da Coruña, é dereito de seu preguntarlle sobre os temas que se trataron nesa xuntanza e que figuraba nese papeliño e o Alcalde ten a obriga de lle contestar.
Sr. Negreira, sobre que asuntos municipais tratou no xantar cos directivos de Aquagest e Aqualogy o 6 de setembro de 2012?
Na última pregunta, á que tampouco respostou o alcalde, Carril expuxo que o sumario da Pokémon tamén dá conta de como se xestionou o xantar que organizou o Sr. Espadas e ao que asistiu o alcalde, o concelleiro de Urbanismo e directivos de Aquagest e Aqualogy e dado que se están a presentar iniciativas relacionadas co proxecto Coruña Smart City e a licitar futuros contratos é comprensíbel preguntar ao alcalde para que clarexe os asuntos que tratou no xantar que mantivo cos directivos de Aquagest e Aqualogy o 6 de setembro de 2012.
O nacionalista volveu a insistir en que fose o Alcalde quen aclarase os temas tratados en dita comida cuxo interese empresarial estaba presuntamente relacionado coas Smartcities, como se desprende do sumario, xa que foi el quen estivo no xantar e non delegar noutros concelleiros que non estiveron.