O BNG denuncia que a Xunta de Galiza recorta, co silencio do Goberno local, nos servizos sociais
A Coruña, 7 de marzo de 2014.- Segundo a resolución publicada hai uns días (DOG de 26 de febreiro de 2014) a partida destinada a financiar os gastos para o mantemento e realización de programas de Servizos Sociais Comunitarios do Concello da Coruña, correspondentes ao exercicio 2013, sufriu unha rebaixa cercana ao 10%, pasando de 617.936 no ano 2012 a 569.834 no 2013.
Tal e como o BNG denunciara noutras ocasións os continuos recortes da Xunta do Partido Popular contan co beneplácito do Goberno Municipal que no canto de exixir o que a cidadanía lle corresponde, solicita menos cantidade á Xunta para non pór en evidencia ao Goberno Galego, mais os datos están aí.
ANO 2010 | ANO 2011 | ANO 2012 | ANO 2013 | |
PLAN CONCERTADO | 1.092.397,00 | 597.306,00 | 617.936 | 569.834 |
DEPENDENCIA | 1.521.658,00 | 1.917.198,00 | 2.651.987 | 2.130.593 |
PLAN POBO XITANO | 63.000,00 | 9.238 | -- | - |
Así, os Servizos Sociais da Coruña no 2013 recibiron a cantidade máis pequena nunca recibida para persoal, mantemento e xestión de programas, servizo de axuda a domicilio para non dependentes e outros programas sociais.
Tamén denuncian as nacionalistas que é a primeira vez que diminúe a cantidade recibida para a atención á dependencia. Debido ao avellentamento da nosa poboación o número de dependentes vai incrementándose, mais a Xunta de Galiza no ano 2013, e por vez primeira desde a posta en marcha da Lei de Dependencia, rebaixa a cantidade do ano anterior, medio millón de euros menos, e así as transferencias finalistas destinadas a financiar a axuda no fogar a persoas valoradas como dependentes pasaron de 2.651.987 no 2012 a 2.130.593 no 2013.
Nesa resolución tamén se pode ver que por segundo ano consecutivo o Concello da Coruña non recibe ningunha axuda para a atención á primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar, partida pola que hai Concellos que reciben cantidades superiores a 100.000 euros.