O PP leva no seu programa para as Europeas adiar o saneamento e a rexeneración da ría do Burgo
A Coruña, 24 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que despois do desleixo e incumprimentos das administracións da Xunta de Galiza e do Goberno central ante o problema medioambiental de primeira orde que vive a Ría do Burgo e a nula vontade política destas administracións, gobernadas polo PP, para a sanear e rexenerar integralmente, o Partido Popular leva no seu programa electoral para as eleccións europeas seguir adiando estas medidas e inclusive, no caso de incumprimento dos prazos, este non supoña sancións económicas.
E é que no programa electoral presentado o sábado polo presidente da Xunta, o Sr. Feijoo, sinala entre os seus compromisos de Política Medioambiental, páxina 28, o seguinte: 14. En cuanto a la directiva de depuración, trabajaremos para que la Unión Europea sea más flexible, en atención a los plazos y las circunstancias, de modo que los procedimientos relacionados con el incumplimiento de plazos no lleguen a suponer sanciones económicas.
Así, despréndese que nin sequer para o ano 2015, prazo trazado para que a UE non sancione ao Estado, a Ría do Burgo estaría saneada, prorrogando, xa máis de quince anos, a adopción destas medidas cando a Unión Europea censurou no ano 2000 a actitude das autoridades sobre o destino dos cartos para sanear as rías e o seu estado.