O BNG levará a Pleno a necesidade de mellorar a comunicación por bus o barrio de San Pedro de Visma
A Coruña, 16 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará a Pleno unha batería de iniciativas para acometer melloras no barrio de San Pedro de Visma, sumido no abandono dado o desleixo do Goberno do Sr. Negreira. A concelleira nacionalista Avia Veira, que se reuniu coa Directiva da A VV Os Loureiros para recoller as necesidades do barrio, reclama a necesidade de mellorar a comunicación por autobús, co liñas que unan San Pedro de Visma co resto da cidade e con maiores frecuencias. "A día de hoxe, só existen dúas liñas que paran no barrio, o 3 e o 3-A, liñas insuficientes que provocan que as persoas que viven en San Pedro de Visma precisen do coche para se desprazar", sinala a nacionalista.
Ademais de reclamar novas liñas e maiores frecuencias, Avia Veira faise eco das demandas das veciñas e veciños, que piden un bus que chegue até o Portiño no período primaveral e estival. Tamén reivindica ampliar os percorridos das liñas 12 e 14, para que tamén presten servizo en San Pedro de Visma.
En San Pedro de Visma aos veciños e veciñas non lles molestan as obras, pola simple razón de que alí non hai obras e o Goberno municipal tenos esquecidos
A concelleira do BNG pon de manifesto, parafraseando os veciños e veciñas, que "en San Pedro de Visma non molestan as obras, pola simple razón de que non as hai, xa que o Goberno municipal ten o barrio no esquecemento". "O pasotismo do Goberno do Sr. Negreira provoca que os barrios pequenos e os periféricos vaian a remolque do resto", denuncia.
"Os veciños e veciñas non piden obras faraónicas nin grandes investimentos, senón obras tan básicas como a instalación de pluviais de recollida de augas desde a Igrexa até a Ronda de Outeiro, tramo que se anega os días de chuvia, ampliar as escasas beirarrúas que hai no barrio e construír beirarrúas na estrada de subido o parque de Bens, na baixada que vai desde o centro cívico ao colexio e na baixada até o Portiño", sinala. "Outras das actuacións que precisa o barrio o seguimento da limpeza e o desbroce das fincas e soterrar o cableado eléctrico de telefonía do barrio", advirte.
O BNG reclamará a limpeza e conservación da praia do Portiño
A A VV de San Pedro de Visma tamén lle transmitiu á concelleira do BNG a necesidade de rexenerar a praia do Portiño, así como de garantir a súa conservación e mantemento. "A veciñanza pide que se acondicione o areal e os seus accesos, xa que o estado de abandono ao que está sometido provócalles numerosas caídas e golpes ás persoas usuarias", afirma.
Outras das demandas que reclamará o Grupo Municipal do BNG, a instancias da asociación veciñal, será habilitar unha das numerosas fincas que existen no barrio como campo da festa e a conexión de San Pedro de Visma coa terceira rolda e co Ágora. Tamén reclamará a concelleira nacionalista crear unha área multiusos lúdico-deportiva fronte ao centro cívico.