O BNG denuncia que o baluarte do Parrote está sepultado polo lixo e escombros das obras de Copasa
A Coruña, 11 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de denunciar que, malia que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sinalou que había que manter e protexer o baluarte e o seu perímetro de protección en referencia ao proxectado no Parrote, e que durante as obras había que dotar das medidas necesarias para a súa protección, Copasa, co consentimento de Autoridade Portuaria e do Concello da Coruña, está a sepultar gran parte do baluarte e do seu perímetro de protección baixo os escombros e o lixo das obras do aparcadoiro do Parrote.
E é que, como sinalan as nacionalistas, a maior parte do baluarte e do seu perímetro de protección está sepultado baixo os cascallos e o lixo das obras do aparcadoiro (achégase foto 1 e 2). Isto demostra, advirte o BNG, que non se está a cumprir o informe de Patrimonio cando sinalou que o proxectado no Parrote quedaba condicionado á posta en valor da estrutura defensiva e que durante as obras había que tomar as medidas necesarias para a súa protección. O Grupo municipal do BNG denuncia o perigo que isto supón para a conservación do ben protexido co risco de deterioro e destrución do baluarte, pois só unha parte moi reducida está sendo protexida, aquela situada en superficie e baixo unha malla branca (fotos 3 e 4). Esta é a maneira que ten Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña de respetar o patrimonio, sinalan as nacionalistas, pois evidencia que non lles importa o máis mínimo a protección do patrimonio e lembran que o proxectado no Parrote quedaba condicionado á posta en valor das estruturas defensivas.
O Grupo Municipal do BNG sinala que mentres Copasa sepulta a maior parte do ben protexido e a súa contorna de protección con cascallos e lixo e Autoridade Portuaria e Concello da Coruña ollan para outro lado, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural debería visitar as obras e tomar cartas no asunto, instando a que Copasa, Autoridade Portuaria e Concello da Coruña cumpran as súas resolucións.