Avia Veira reclama melloras no barrio de Labañou, un dos esquecidos do Goberno municipal
A Coruña, 23 de maio de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira reuniuse coa Directiva da Asociación de Veciñal Francisco Rodríguez Otero de Labañou para coñecer de primeira man as necesidades do barrio, unhas reclamacións que o Grupo Municipal do BNG lle fará chegar ao Goberno do Sr. Negreira no vindeiro Pleno ordinario de xuño.
Entre as peticións que levarán a Pleno as nacionalistas atópase o acondicionamento do solar de Almirante Romay, tras a paralización das obras de reconstrución e a perda de aproveitamento urbanístico, unha paralización pola que o Goberno municipal lle pagou, indebidamente, á promotora Coprosal un total de 318.975 euros por unha responsabilidade patrimonial que non era tal. Este espazo, tal e como denunciaron os veciños, cúbreo unha lagoa insalubre que se converte nun foco de todo tipo de insectos.
Tamén pedirá a edila do BNG melloras na seguridade viaria, nomeadamente no carril que se dirixe desde a Rolda de Outeiro até a zona da Uned e da Escola Oficial de Idiomas, dados os frecuentes accidentes que teñen lugar como consecuencia da escasa visibilidade. Ademais, a iniciativa da asociación veciñal, levará a Pleno a necesidade de prazas de aparcadoiro no barrio, xa que apenas existe espazo en que deixar os vehículos.
Melloras na seguridade dos parques infantís
A instancias da veciñanza, a edila do BNG emprazará o Goberno municipal a adoptar as medidas oportunas para garantir a seguridade nos parques infantís da zona, cuxo perímetro non está pechado. Pon como exemplo a área infantil da Praza da Tolerancia, onde pedirá que, ademais de pechar toda a contorna, se constrúa un paso de peóns elevado, ou o parque do grupo de vivendas do Carme que, a maiores, conta co firme completamente estragado.
Entre as melloras demandadas pola asociación veciñal tamén se atopa o arranxo da rede que rodea o campo de fútbol das pistas deportivas do Carme, que presentan rachaduras ao longo do seu perímetro, e o fomento e control da recollida das defecacións dos cans no espazo público. Ademais, Avia Veira trasladará ao Pleno os problemas de asolagamento que sofre o local da asociación veciñal, que se resolverían construíndo un sumidoiro á entrada do inmoble.
Por último, a Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero de Labañou amosou a súa profunda oposición ao desmantelamento dos servizos sociais comunitarios básicos nos centros cívicos da cidade e a desaparición da persoa profesional de referencia que atendía nos barrios as persoas con dificultades. Precisamente, Avia Veira criticou o modelo asistencialista e de beneficencia do Partido Popular, un modelo baseado, fundamentalmente, na rendibilidade económica e que non atende as necesidades das persoas máis desfavorecidas.