O BNG esixe que se faga público, de inmediato o resultado do proceso de investigación de Someso
A Coruña, 13 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG, que se alegra de que rematara o proceso de investigación sobre Someso, solicítalle ao Goberno do Sr. Negreira que dea a coñecer, de inmediato, aos membros da Corporación Municipal e á cidadanía o resultado deste proceso, facendo público o seu informe. Os nacionalistas queren saber se os principais responsábeis desta desfeita urbanística (o Sr. Paco Vázquez) e os seus beneficiarios (nomeadamente o Sr. Fontenla) tamén figuran como responsábeis logo deste proceso de investigación.
O Grupo Municipal do BNG amosa a súa satisfacción por que concluíra o proceso de investigación sobre Someso, tendo en conta que, no seu día, os concelleiros nacionalistas non só votaron a moción do PP, senón que mesmo propuxeron, a través dunha emenda que contou co voto en contra do PP, que se constituíse unha comisión de información especial para dirimir todas as responsabilidades habidas e por haber de todas as persoas responsábeis e beneficiarias da desfeita urbanística de Someso.
Así, na emenda presentada á moción do Partido Popular o 16 de xaneiro de 2012, ademais de amosaren por escrito a súa satisfacción pola iniciativa do PP, os nacionalistas reclamaban que a investigación se estendese aos responsábeis da desfeita urbanística da etapa vazquista e, no seu caso, a depurar as decisións municipais dos gobernos presididos por Paco Vázquez e do propio Sr. Vázquez. E é que a causa do pago das indemnizacións millonarias non foi a venda do solo municipal acordada en 2004 senón a reclasificación urbanística dos terreos aprobada no PXOM de 1998 e desenvolta no Plan Parcial de Someso, que só contou co voto en contra do BNG, actuacións acordadas por gobernos dos que non formaban parte os nacionalistas. Foi este cambio de usos e de destino dos terreos o que deu lugar ao dereito de reversión dos propietarios, tal e como recollen diversas sentenzas.
O PP ademais de ocultar a Paco Vázquez, silencia e, mesmo beneficia, os propietarios, nomeadamente o Sr. Fontenla
Na propia emenda, o Grupo Municipal do BNG sinalaba que o Partido Popular, ademais de ocultar a Paco Vázquez, silenciou intencionadamente os promotores urbanísticos e silenciou o incumprimento manifesto polos promotores das obrigas urbanísticas que recollían as condicións de venda acordadas en outubro de 2004. Así, o Goberno municipal negouse a actuar contra estes promotores.
Ademais de silenciar os promotores, e "como propina", o Goberno municipal aprobou en setembro de 2011 dúas modificacións do Plan Parcial de Someso para mellorar o aproveitamento lucrativo de solares e aumentar o número de vivendas; cancelou indebidamente cargas urbanísticas; outorgou licenzas contrarias á legalidade beneficiando os mesmos promotores aos que o Concello lles vendera no 2004 o solo municipal e, hai uns días, declarou caducadas licenzas urbanísticas en beneficio do Sr. Fontenla.
En concreto, a emenda do BNG que tombou o PP reclamaba a constitución dunha comisión informativa especial que tiver por obxecto investigar as causas e causantes do pago das indemnizacións económicas substitutorias do dereito de reversión das parcelas expropiadas polo Concello no S7 de Someso. Tamén pedía que fosen obxecto de investigación a reclasificación urbanística dos terreos instrumentalizada polo PXOM de 1998 e o seu desenvolvemento no Plan Parcial do S7 do 2001 e a súa modificación do 2004; a expropiación dos terreos polo Concello da Coruña; a enaxenación do patrimonio municipal do solo neste S7 e o procedemento administrativo e xudicial relativo ao dereito de reversión instado polos propietarios expropiados, tanto no relativo á sentenza como a súa execución.
Ademais, os nacionalistas reclamaban, a efectos do previsto nos arts. 145 e 146 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, que fosen obxecto de investigación as persoas que aprobaron ou outorgaron (alcalde, concelleiros) ou informaron favorabelmente ou participaron nos procedementos administrativos e/ou xudiciais dos cales derivaron o pago das indemnizacións e solicitaban que a comisión estivese constituída por un representantes de cada Grupo Municipal e que a duración for a necesaria para a presentación dun Ditame diante do Pleno.