O BNG empraza o alcalde a cumprir a moción aprobada en apoio @s praceir@s de Santa Lucía
A Coruña, 16 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG advírtelle ao Goberno do Sr. Negreira de que se non se reúne coas praceiras e praceiros afectados polo peche do mercado de Santa Lucía estaría a incumprir a moción presentada polos grupos da oposición e aprobada no pasado pleno ordinario de outubro por unanimidade, tamén cos votos a favor dos e das concelleiras do PP. O Bloque lembra ao respecto que os traballadores e traballadoras do mercado teñen solicitado, en varias ocasións, reunións coa concelleira de Emprego e Empresa, sen obteren resposta ningunha por parte do Goberno municipal.
En virtude da moción, o Pleno da Corporación acordou permitir, na medida do posíbel, a actividade do mercado de Santa Lucía até o comezo das obras de rehabilitación do seu edificio e que as praceiras e os praceiros poidan continuar co seu traballo mentres as obras de rehabilitación así o permitan. Tamén aprobou o artellamento de medidas necesarias mentres se realicen estas obras de rehabilitación para que as praceiras e os praceiros poidan continuar coas súa actividade nun lugar habilitado para tales efectos no propio barrio. E por último, tras a finalización das obras de rehabilitación, aprobouse a adopción das medidas que correspondan para que as praceiras e os praceiros poidan incorporarse aos postos que se oferten no novo edificio do Mercado de Santa Lucía, sempre a través dos procesos selectivos pertinentes, que deberán reparar na súa experiencia e nos seus anos de dedicación con profesionalidade e atención demostradas a esta actividade de comercio de barrio.