Carril: "Non dimito de nada nin marcho para a casa, seguirei traballando no BNG e na rúa"
A Coruña, 5 de xuño de 2015.- Nunha rolda de prensa arroupado por membros do Consello Local e da candidatura, o até o de agora portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, explicou os motivos que o levaron a decidir non tomar posesión como concelleiro da nova Corporación. É unha decisión persoal que adoptei pasando do que me dixeron os compañeiros e compañeiras do BNG, sinalou, lembrando que por vez primeira é indisciplinado, pois de maneira unánime a organización non compartiu a decisión de Carril, aínda que a respectou.
Carril puxo de manifesto que non se trata dunha decisión caprichosa, non está motivada por ningunha crise ideolóxica nin estou desmoralizado nin derrotado. A decisión está tomada desde a ilusión, desde a vitalidade e desde o compromiso e é froito de meditar desde o convecemento e a reafirmación como persoa que acredita no nacionalismo galego e no proxecto do BNG-Asembleas Abertas. Nesta liña, salientou que é unha decision persoal por ética, por coherencia e por responsabilidade, para ser consecuente cos resultados electorais.
O feito de que Carril non tome posesión da acta de concelleiro non vai implicar que non siga traballando coa mesma ilusión e compromiso durante todo este tempo. Os resultados electorais foron malos, mais nunca estiven tan ilusionado e motivado na miña condición de militante do BNG para seguir facendo o que fixemos estes catros anos, engadiu. Lembrou que durante o tempo que ocupou a portavocía do BNG na Coruña falamos alto e claro, desde a coherencia, a honestidade e a sinceridade, e fixemos o que pensamos como nacionalistas galegos. A perserverancia en dicir o que somos e o que pensamos, así como a persevererancia no traballo ben feito e explicado son ferramentas fundamentais para tronzar moitos valados, apuntou.
Ademais, o nacionalista fixo alusión á carreira de fondo á que viña aludindo nos últimos anos, como dixen, as persoas estamos de paso, pero non os proxectos, que son colectivos. Desde este enfoque, subliñou que formarei parte do pelotón, traballando, como vin facendo até o de agora. Non dimito de nada, non renuncio a nada nin marcho para a casa; recolócome e resitúome na organización e seguirei traballando como até o de agora: se hai que durmir nos portais, durmirei nos portais, se hai que denunciar inxustizas, denunciarei inxustizas....
Para rematar, Carril reiterou que o feito de que non estea no Concello non significa que deixe a actividade política, vou seguir na loita política militando BNG.
Avia Veira: O traballo do BNG consistirá en garantir que a mudanza de goberno sexa real e que as políticas que se apliquen sexan de esquerdas e galegas
Pola súa banda, Avia Veira comezou a súa intervención salientando que o BNG non está de acordo coa decisión que tomou Carril, mais temos que respectalo. Tras a renuncia de Carril e das compañeiras María Xosé Bravo e Marisol Mirás vou ser eu quen represente o BNG-Asembleas Abertas no Concello da Coruña e asumo este papel con moita responsabilidade, co peso que implica e con todas as consecuencias, apuntou.
A vindeira portavoz do BNG-Asembleas Abertas en María Pita subliñou que o noso traballo foi o que contribuíu, en gran medida, o cambio de goberno e que o Partido Popular non siga gobernando. Anunciou que o BNG pulará en María Pitar por garantir que a mudanza de goberno sexa real e que as políticas que se leven a cabo sexan de esquerdas e galegas. O noso labor na oposición vai consistir, precisamente, en que as políticas que se adopten beneficien Galiza e A Coruña, que sexan de esquerdas e sempre pensando no ben común.
María Xosé Bravo: É hora dunha renovación profunda e de que continúe co facho xente moza, como Avia Veira
Ademais, na rolda de prensa, María Xosé Bravo, número 2 da candidatura, anunciou, tal e como puxera de manifesto onte na asemblea aberta, que non tomará posesión como concelleira. Advertiu de que imos converter os malos resultados electorais nunha oportunidade, cunha renovación profunda nos dous ámbitos de traballo do BNG: tanto na propia organización como na institución. Apostamos de xeito profundo e rotundo por un cambio fundamental e considero que eu non podía ser ese cambio fundamental, sinalou María Xosé Bravo, quen lembrou que esta sería xa a súa terceira xeira como edila. Detrás de min vén xente moza que ten que ter máis percorrido e que ten que tomar o facho, engadiu en alusión a Avia Veira.
Diante dun problema, a aposta do BNG pasa por adoptar cambios e por profundizar e remozar o Grupo Municipal e o Consello Local, así como por afortalar a organización, apuntou. Concluíu a súa intervención salientando que o BNG é unha ferramenta imprescindíbel de traballo, e para facela máis forte e máis útil para a sociedade é necesario acometer estes cambios profundos que dan paso a Avia Veira como representante do BNG-Asembleas Abertas en María Pita.
Marisol Mirás: O meu compromiso co BNG reforzouse e o meu lugar debe ser o eido da loita na rúa
A independente Marisol Mirás, que ocupaba o número 3 na candidatura do BNG-Asembleas Abertas, tampouco tomará posesión como edila. Expuxo na rolda de prensa que o meu compromiso co BNG non fixo senón reforzarse despois da campaña por estar día a día co mellor equipo que puiden coñecer e porque coincido plenamente no ideario nacionalista e no facer honesto.
Sinalou que vexo que o meu lugar debe ser o eido da loita na rúa e confío en que a experiencia da compañeira Avia vai ser un garante da representación do BNG-Asembleas Abertas no Concello da Coruña.