O transvase Meirama-Cecebre, visitado polo Sr. Negreira, non existe nos plans da Xunta
A Coruña, 7 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que o transvase Meirama-Cecebre, cuxa primeira fase foi visitar hoxe o alcalde da Coruña, non se contempla no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galiza Costa (2015-2021) que na actualidade está en exposición pública, como tampouco se contempla no actual Plan (2009-2015) nin noutros plans como o Plan Auga de Abastecemento e o Plan Seca (o Plan Seca, aprobado en agosto de 2013, desbotaba este trasvase).
Lembran, ademais, as nacionalistas, que estas obras de condución de auga visitadas esta mañá polo Sr. Alcalde e pola conselleira correspondíanlle a Lignitos de Meirama, empresa que explotou a mina de Meirama, e en ningún caso con cargo a fondos públicos. E é que como sinalaba a Declaración de Impacto Ambiental de 18 de xuño de 2008, relativa á enchedura con augo do oco da mina de Meirama, as obras de vertedura do oco da mina ao leito do río Barcés tiñan de ser costeadas pola empresa.