O BNG considera esmola o obradoiro de emprego para 30 moz@s, cando hai máis de mil no paro
A Coruña, 22 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG considera esmola o obradoiro de emprego Garantía Xuvenil da Coruña, un obradoiro no que participarán tan só 30 mozos e mozas de entre 18 a 25 anos desempregadas por un máximo de seis meses. Precisamente, na pasada Xunta de Goberno Local aprobouse solicitar unha subvención á Consellaría de Emprego para a realización do obradoiro. Estas persoas, tal e como se sinala no expediente, desenvolverán a súa práctica profesional por seis meses en servizos municipais.
As nacionalistas denuncian que nos catro anos de goberno, o Sr. Negreira non adoptou nin unha soa iniciativa para paliar os terríbeis datos de desemprego e emigración que azoutan a mocidade da Coruña e lamentan que o máximo que lles ofreza sexa o citado obradoiro de tan só 30 prazas. Lembran ao respecto que os datos de xaneiro advirten de que hai 1.021 persoas menores de 25 anos no desemprego. Sobre a emigración, o expediente aprobado en Xunta de Goberno Local afirma que en 2012 emigraron fóra de Galiza 3.357 coruñeses e coruñesas.