O BNG exíxelle ao Sr. Negreira que dea a cara en relación ao edificio Conde de Fenosa
A Coruña, 15 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Sr. Negreira que responda a varias preguntas en relación ao edificio Conde de Fenosa, logo de tolerarlle a Martinsa Fadesa que non presente un proxecto técnico de legalización do edificio Conde de Fenosa e despois de se escudar ante os medios dicindo que o Concello da Coruña asume subsidiariamente o pagamento dos custes do informe de legalización do edificio Conde de Fenosa.
Así, en primeiro lugar, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Sr. Negreira que explique por que non fai constar na resolución directiva de 7 de novembro de 2014 que o Concello da Coruña lle reclamará a Martinsa Fadesa o custo económico da legalización do edificio Conde de Fenosa que asume subsidiariamente o Concello da Coruña por decisión do Sr. Negreira.
En segundo lugar, o Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a respostar se se pode legalizar o edificio, na medida en que o Goberno local ten que saber se o Concello da Coruña pode outorgar ou non licenza de legalización global para a totalidade do edificio e evitar así a súa demolición. Isto é, ante a pregunta de que cumpre e que non cumpre o edificio Conde de Fenosa para o cumprimento das resolucións xudiciais e a súa legalización, o Sr. Negreira debe contestar cales son as obras necesarias (de demolición) para axustar o edificio Conde de Fenosa ao planeamento.
E, en terceiro lugar, o Grupo Municipal do BNG considera que o Sr. Negreira debería explicar xa se o PXOM de 2013 ampara a legalización total do edificio Conde de Fenosa, de maneira que lle transmita á veciñanza en xeral, e aos veciños e veciñas afectadas en especial, se o inmoble é legalizabel ou non conforme ao PXOM actualmente vixente de 2013.