Os pregos de uso das instalacións deportivas da fábrica de armas non falan dos dereitos d@s usuari@s
A Coruña, 8 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que as condicións de uso das instalacións deportivas da Fábrica de Armas, que aprobou hoxe o Goberno Local, non contemplan para nada os dereitos dos usuarios. Como consecuencia disto, non se menciona a situación daquelas persoas usuarias que estaban a facer uso como socias das instalacións deportivas xestionadas pola Agrupación Deportiva e Cultural Santa Bárbara.
As nacionalistas salientan que as condicións de uso dos servizos céntranse moitísimo nas consecuencias do incumprimento de tales condicións. Algunhas con excesivo rigor punitivo até o punto de chamar a atención da propia asesoría xurídica que aconsella un réxime punitivo específico e mesmo unha ordenanza xenérica de aplicación a todas as instalacións deportivas do Concello da Coruña para regular correctamente o cadro de infraccións e sancións, que é o que sinala o artigo 139 da Lei de Bases de Réxime Local.
Por tanto, o Goberno Local debería, sempre de acordo co artigo 139 da LBRL, elaborar unha ordenanza sobre o uso de todas as instalacións deportivas do concello, para que haxa un réxime xenérico de funcionamento igual para todas elas.