O PP saca os avións militares ao ceo no 78º aniversario da declaración do estado de guerra na Coruña

O PP saca os avións militares ao ceo no 78º aniversario da declaración do estado de guerra na Coruña

festival aereoA Coruña, 20 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG transmite a súa fonda crítica ao festival aéreo co que o Sr. Negreira e o Partido Popular celebran este 20 de xullo, curiosamente, cando se cumpren 78 anos da declaración do Estado de guerra na cidade da Coruña. Lembra o BNG que ás 12.30 (hora á que se prevía que comezara hoxe o festival) daquel 20 de xullo de 1936 pechaban todos os estabelecementos comerciais da cidade e pouco despois deixaba de funcionar o tráfico de tranvías. Ás 14.30h, dos cuarteis de Artillaría e Infantaría saían as tropas e era na praza de María Pita onde se lía o bando de Cánovas de la Cruz como comandante militar para declarar o estado de guerra.

As nacionalistas consideran deplorábel que o Goberno municipal da Coruña tire os cartos públicos nunha exhibición militar que sobrevoou lugares tan tristemente célebres como o Campo da Rata, onde o franquismo fusilaba os represaliados. Con accións como a de hoxe, o PP demostra que segue a estar do lado dos franquistas, algo que o BNG ten denunciado en reiteradas ocasións coincidindo coa presentación de iniciativas por parte das nacionalistas para a retirada de toda a simboloxía franquista da cidade e para que o Goberno do Sr. Negreira condenase o franquismo, mocións rexeitadas todas elas polo PP.

Por último, o Grupo Municipal do BNG faise eco das queixas da veciñanza polo ruído enxordecedor provocado polos avións. De feito, as nacionalistas tiveron constancia de chamadas á policía local queixándose dos estrondos das aeronaves. O BNG lembra que Organización Mundial da Saúde estabelece en 65 decibelios a fronteira entre o ruído soportábel e o insoportábel e anuncia que presentará unha serie de preguntas para a resposta escrita para coñecer o número de decibelios que se rexistraron hoxe na cidade. O BNG tamén preguntará pola cantidade de cartos que custou o festival, incluídos os globos coa bandeira de España que se repartiron entre os espectadores.

 

O PP saca os avións militares ao ceo no 78º aniversario da declaración do estado de guerra na Coruña