O PP négase a que haxa consultas populares vía web e a que se retransmitan os plenos
A Coruña, 6 de outubro de 2014.- Ao desestimar as reclamacións do Grupo Municipal do BNG á ordenanza de Administración electrónica, o Goberno do Sr. Negreira négase a que haxa consultas populares vía internet (garantir a participación do pobo mediante a administración electrónica ou que a administración electrónica fose tamén un medio para a participación, como é o caso das consultas vía electrónica, unha consecuencia do art. 70 bis da LBRL) e a artellar os medios correspondentes para a retransmisión en directo dos plenos da Corporación municipal de cara ao seu coñecemento por parte do pobo. Deste xeito, a ordenanza de Administración electrónica que contou cos votos en contra das concelleiras nacionalistas- só pode describirse como unha normativa pechada e restritiva, pois non hai participación (nega as consultas populares vía internet) nin tampouco información (non contempla a retransmisión dos plenos a través da web e da sede virtual).
O Goberno do Sr. Negreira xustificou en sesión plenaria a desestimación das reclamacións do Bloque dicindo que a maior parte das propostas das nacionalistas xa estaban reguladas. No que ten a ver coas consultas, o Goberno municipal remitiuse ao regulamento de participación cidadá, onde non se contemplan as consultas populares vía internet. No que respecta ás retransmisións plenarias, o Goberno local remitiuse á web municipal. Foi entón cando o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, lle preguntou ao Goberno local onde están as retransmisións plenarias en directo, pois, en realidade, as persoas usuarias da web do Concello non poden acceder á retransmisión en directo dos plenos.