Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira

Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira

A Coruña, 28 de xaneiro de 2016.- Diante do anuncio do Goberno Local e do PSOE no que estes manifestan a súa intención de aumentar a previsión de ingresos dos orzamentos que están a negociar, o Grupo Municipal do BNG exixe que se faga pública a vía pola que pretenden elevar os ingresos municipais.

O Grupo Municipal do BNG exixe que o PSOE e a Marea Atlántica  fagan público como pretenden aumentar a previsión de ingresos dos orzamentos que están a negociar

Neste sentido, as nacionalistas coidan que existen dúas vías: a primeira sería elevar a cantidade do empréstito que se ten pensado solicitar, segundo o proxecto de orzamentos do Goberno local, e que actualmente se sitúa en 9,33 millóns de euros. “No caso de que opten pola vía de aumentaren a cantidade do empréstito, nós non o compartimos porque suporía aumentar aínda máis o endebedamento do Concello da Coruña”, manifesta Avia Veira.

“Se o Goberno local admite aumentar o endebedamento do Concello estaría actuando de xeito incoherente xa que hai apenas dous meses que se concertou un empréstito de 61,9 millóns de euros para o refinanciamento da débeda do Concello coa finalidade de rebaixar os gastos en xuros”, salienta.

Avia Veira: “Preguntámonos como van aumentar a previsión de ingresos dos orzamentos: se é vía elevar a cantidade do empréstito, non o compartimos porque aumentaría aínda máis o endebedamento do Concello da Coruña; se é pola vía de  aumentar os impostos e, polo tanto, a presión fiscal sobre as coruñesas e os coruñeses, iso tampouco o compartimos”

A formación nacionalista tamén salienta que a outra vía pola que o Concello podería aumentar os seus ingresos sería a través do aumento de impostos municipais e, polo tanto, da presión fiscal sobre o conxunto das coruñesas e dos coruñeses. Neste sentido, o Bloque manifesta tamén a súa posición contraria.

Por último, desde o BNG da Coruña salientan a cerimonia da confusión á que estamos asistindo coas negociacións entre o Goberno municipal e o PSOE con constantes idas e voltas en prensa e ironizan demandando que se transmitan por streaming como os plenos.

As nacionalistas salientan a cerimonia da confusión á que estamos asistindo coas negociacións entre o Goberno municipal e o PSOE con constantes idas e voltas na prensa  e ironizan demandando que se retransmitan as reunións por streaming como os plenos

“Até se piden reunións máis longas, discútese, por medio de declaracións ou comunicados de prensa, se os orzamentos teñen que ir ou non ao pleno de febreiro, se hai présa ou non por chegar a un acordo. Para nós, é imprescindíbel deixar atrás canto antes os orzamentos prorrogados do PP e que o Concello da Coruña teña unhas novas contas que, entre outras cousas, respondan verdadeiramente ás necesidades das maiorías sociais, que reforcen os servizos públicos municipais, en especial, os servizos sociais e que melloren a vida dos barrios, e polo tanto que sexan unhas contas onde as veciñas e os veciños poidan decidir”, conclúe Veira.

 

Artigos relacionados:

Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira