Orzamentos 2014: O PP renuncia a investir na creación de riqueza e de postos de traballo
A Coruña, 12 de novembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto esta mañá en rolda de prensa que os orzamentos municipais para 2014 revelan que o Concello da Coruña ingresará máis cartos como consecuencia dunha maior recadación fiscal, que evidencia que non se produce esa famosa conxelación de impostos dos tres anos de Goberno do PP. Estes maiores ingresos evidencian, tamén, que o recibo da auga se encareceu no 2013, sinalou Carril, tendo en conta que Emalcsa lle vai transferir ao Concello un total de 2,5 millóns de euros máis que o ano pasado, até acadar os 6,52 millóns de euros, en concepto de repartición de beneficios de Emalcsa.
O portavoz do BNG advertiu de que malia este incremento de ingresos, o PP renuncia a inxectarlles cartos aos investimentos produtivos, que son os que crean riqueza e postos de traballo. Así se desprende da análise dos gastos recollidos nos orzamentos para o 2014. De feito, apuntou, os gastos en contratación de asesorías e externalizacións de servizos soben en 1,32 millóns respecto dos orzamentos de 2013, como tamén aumentan os gastos en transferencias de capital para o túnel da Mariña (4 millóns de euros) e os gastos en transferencias correntes para as subvencións á Compañía de Tranvías (7,5 millóns de euros) e para festas, espectáculo e turismo (9,5 millóns de euros en total). E tamén aumentan, engadiu, os gastos derivados dos empréstitos bancarios formalizados polo PP (14,6 millóns) cos que, entre outras cuestións, se financiaron e se pretenden financiar caprichos do PP, como o túnel do Parrote (3 millóns nos orzamentos de 2013) e o túnel da Mariña (4 millóns nos orzamentos de 2014).
O incremento dos gastos non xera riqueza nin postos de traballo
Carril insistiu en que o aumento dos gastos non xera nin riqueza nin postos de traballo. Para o demostrar, debullou as partidas de gastos en bens correntes e servizo, de transferencias correntes e de capital e mais de cargas financeiras.
O portavoz do BNG advertiu de que o capítulo de gastos en bens correntes e servizos sobe nun 3,73% (un total de 3,78 millóns) respecto dos orzamentos de 2013, sinaladamente, no que ten a ver cos traballos realizados por outras empresas. A diferenza da partida de gastos de persoal (que baixa un 2,19% respecto dos orzamentos de 2013), o PP incrementa todo o relacionado cos traballos realizados por outras empresas. Puxo como exemplo a partida de Estudos e traballos técnicos (contratación de asesorías externas), que o PP incrementa en 613.646,34 euros (no 2013 a partida era de 4.161.735,28 e no 2014 pasa a 4.775.381,62) e mais a partida Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais, que aumenta en 709.829,34 euros (7.128.882,79 no 2013 e 7.838.712,13 no 2014). En total, salientou, estas dúas partidas improdutivas soben un total de 1.323.476,38 euros (cifra que se enmarca nos 3,78 millóns de euros que se incrementan no capítulo de gastos en bens correntes e servizos respecto dos orzamentos de 2013).
Ademais, o portavoz do Grupo Municipal do BNG advertiu de que o PP incrementa as transferencias correntes e de capital. Así, as transferentes correntes ascenden a 25.507.206,27 euros, un 10,36% máis respecto dos orzamentos de 2013, e as transferencias de capital ascenden a 8.034.612,77 euros, un 78,23% máis que nos orzamentos de 2013. Dentro deste capítulo, os créditos consignados para financiar o IMCE soben a 5 millóns de euros (fronte aos 4,6 millóns dos orzamentos de 2013) e os créditos para financiar o Consorcio de Turismo soben a 4,5 millóns (fronte aos 3,5 millóns dos orzamentos de 2013). Fixo especial fincapé na transferencia de capital de 4 millóns para financiar, mediante a achega á Autoridade Portuaria, o capricho do túnel da Mariña. E tamén subliñou a transferencia corrente de 7,5 millóns para subvencionar a Compañía de Tranvías (que aumenta medio millón de euros en relación á consignación recollida inicialmente nos orzamentos de 2013). Aludiu ao informe da Intervención para explicar que aínda que a cantidade consignada para a Compañía de Tranvías é superior á de 2013, non existe xustificación de que vaia ser suficiente para darlle cobertura ás obrigas que se devenguen no 2014 por este concepto.
No que ten a ver coa carga financeira, é dicir, o amortecemento de capital dos empréstitos pendentes de reintegro e mais os xuros, comisións e gastos, ascende a 14.668.889,78 euros, un total de 649.000 euros máis respecto dos orzamentos de 2013 (o que representa un aumento do 4,6%). Carril advertiu de que este gasto derivado dos empréstitos bancarios que pide o PP supón o 6% do orzamento total de 2014.
O gasto en investimento real cae
Pola contra, Carril denunciou que o PP fixo descender o investimento real nos orzamentos de 2014 a 29,81 millóns de euros, que só representan o 12,20% dos créditos totais consignados. Lembrou o nacionalista que os orzamentos de 2013 recollían para este fin 32,50 millóns e supoñían un 13,65% sobre os créditos totais. Deste xeito, o Goberno do Sr. Negreira diminúe os investimentos reais un 8,27% respecto dos orzamentos de 2013.
En definitiva, á vista das cifras expostas, Carril puxo de manifesto que os orzamentos de 2014 renuncian a impulsar o investimento produtivo que é o capaz de xerar riqueza e postos de traballo. En cambio, priorizan gastos como a contratación de asesorías e externalizacións de servizos ou as transferencias para o túnel da Mariña, para as subvencións á Compañía de Tranvías e para festas, espectáculo e turismo.
Ademais, o portavoz do BNG denunciou que os orzamentos de 2014 van no camiño de adelgazar a Administración pública, coa redución do capítulo de persoal. Deste xeito, explicou Carril, o PP incrementa o negocio de empresas privadas.
O PP ocultou os orzamentos até o último momento
Tamén aludiu Carril na rolda de prensa á ocultación deliberada dos orzamentos de 2014 por parte do Goberno do Sr. Negreira. E é que, a pesar de seren aprobados en Xunta de Goberno Local o sábado pasado, os grupos da Corporación Municipal (agás o PP) non puideron ter acceso ás contas até o luns ás 14.30 horas. O portavoz nacionalista lembrou que o BNG emprazou o alcalde a publicar na páxina web do Concello os orzamentos municipais, do mesmo xeito que acontece no caso dos orzamentos galegos e dos orzamentos xerais do Estado.