Novo agasallo á Autoridade Portuaria: o Concello cédelle o servizo de bombeiros

Novo agasallo á Autoridade Portuaria: o Concello cédelle o servizo de bombeiros

A Coruña, 17 de xullo de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira deu conta esta mañá, en rolda de prensa, dun novo agasallo do Goberno municipal á Autoridade Portuaria, “un novo agasallo con consecuencias negativas para o peto da cidadanía”. A nacionalista expuxo que o Goberno do Sr. Negreira asinou o pasado 19.06.2013 un convenio de carácter anual coa Autoridade Portuaria para que o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) do Concello da Coruña se encargue do porto exterior de Punta Langosteira, para que desenvolva os plans de prevención do porto exterior e do interior e mais os simulacros.

A cambio, explicou Avia Veira, a Autoridade Portuaria dálle ao Concello 37.000 euros, 7.000 euros máis que no ano pasado. Porén, a cantidade é “moi insufienciente”. E é que, tal e como sinalou a concelleira do BNG, os 7.000 euros máis que recolle o convenio este ano só dá para lle pagar, aproximadamente, un trimestre dun soldo a un bombeiro. Ademais, o convenio “trata de vendernos” que a Autoridade Portuaria lle cede ao Concello un local na dársena de Oza, aínda que quen paga a luz, a auga e o gas non é o ente portuario, senón o Concello da Coruña.

“Chama a atención que os bombeiros da cidade presten servizo no porto exterior, que se atopa en Arteixo, cando a 1,5 km de Punta Langosteira está o parque de bombeiros comarcal de Sabón”, sinalou a concelleira do BNG. “A xenerosidade sen límites do Sr. Negreira coa Autoridade Portuaria provocará que o noso Concello, ademais de asumir o servizo, teña que pagar a formación dos bombeiros, que ascende a 9.000 euros por curso para 16 persoas”, salientou.

A Autoridade Portuaria aforra 11 bombeiros en Punta Langosteira e 11 bombeiros no porto interior

Avia Veira puxo de manifesto que en base a este convenio, a Autoridade Portuaria aforrará 11 bombeiros no porto exterior, 11 bombeiros no porto interior, as horas extra dos bombeiros, a formación e mais a luz, o gas e a auga. E todo isto, denunciou, por tan só 37.000 euros, cando, insistiu, 7.000 euros é a cantidade aproximada que cobra un bombeiro nun trimestre.

A concelleira do BNG contextualizou este convenio no marco dos agasallos do Concello da Coruña á Autoridade Portuaria. Lembrou que o Goberno municipal lle aforrou ao ente portuario 1,09 millóns de euros pola conxelación do Imposto de Bens Inmobles (IBI), pagou as obras do Parrote, nun terreo propiedade do Porto e comezou os trámites para construír o innecesario túnel da Mariña, só para que a Autoridade Portuaria faga negocios urbanísticos unha vez se desafecten os terreos da superficie do túnel.

 

Por último, Avia Veira cualificou de insensatez que o Goberno municipal do Sr. Negreira se dedique a facerlle agasallos á Autoridade Portuaria cando aplica o repago en axuda a domicilio, cando sobe o prezo de servizos tan básicos como a auga e o billete do autobús.

Novo agasallo á Autoridade Portuaria: o Concello cédelle o servizo de bombeiros