Non se chegou a cubrir nin o 50% das prazas para as hortas urbanas dados os prezos fixados polo PP
A Coruña, 20 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG, que tivo acceso ao expediente administrativo das hortas urbanas, denuncia a xestión chapuceira do Partido Popular que levou a que non se chegara a cubrir nin o 50% das hortas urbanas xa que, unha vez rematado o prazo inicial, só se presentaran 35 solicitudes para as 89 hortas dispoñíbeis. Este feito, agochado polo Goberno do Sr. Negreira ao non facer públicas as listaxes, levouno a ampliar o prazo de solicitude até completar as 89. É por iso que o Grupo Municipal do BNG cualifica de fracaso a xestión do Goberno do Sr. Negreira e advirte de que esta desfeita ten relación coa teima de facer unhas hortas de pago.
Así, as nacionalistas sinalan que o baixo número de persoas solicitantes, 35 en total, débese a que o prezo das hortas urbanas resulta disuasorio. A Ordenanza Fiscal n.º43 estabelece como tarifa xeral de acceso ás hortas un total de 25 euros ao mes e unha cota de inscrición de 50 euros. Ademais, o Goberno do Sr. Negreira fixou esta mesma cota de inscrición de 50 euros para as persoas que acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM, que en 2014 está fixado en 530 euros ao mes. O BNG ten cualificado de inxusto e de ilóxico o cobro de 50 euros ás persoas con menos recursos, pois a esta cantidade hai que sumar outros gastos, como o do desprazamento até o lugar das hortas, a compra de sementes ou a de aparellos de labranza.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG salienta o feito de que non se presentara ningunha inscrición para o grupo IV, o reservado a mozos e mozas de entre 18-30 anos. Ás nacionalistas non lles estraña este dato tendo en conta o custo de 25 euros ao mes máis os 50 euros de cota de inscrición. Lembran que a mocidade é o sector de poboación que máis taxas de desemprego e emigración soporta.
O Grupo Municipal do BNG considera que o fracaso na xestión das hortas debería facer reflexionar o Goberno do Sr. Negreira e debería levalo a corrixir as as ordenanzas fiscais de cara o ano que vén, co fin de que as hortas urbanas sexan de balde para toda a veciñanza.