O BNG alerta sobre o estado da pasarela peonil provisional que cruza a avenida de San Cristovo
A Coruña, 20 de outubro de 2014- Dada a súa precariedade, o Grupo Municipal do BNG convida o Sr. Negreira e a ministra de Fomento a atravesaren a pasarela peonil, colocada de maneira provisional, que cruza a avenida de San Cristovo. As nacionalistas, que comprobaron in situ o estado desta pontella, denuncian que nin o chan nin as varandas laterais parecen cumprir unhas mínimas condicións de seguridade.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que, ante o estado desta pasarela peonil, a veciñanza dificilmente poderá atravesar a avenida de San Cristovo; polo tanto, faise complicado o acceso aos principais servizos do barrio, como as escolas, o ambulatorio, o supermercado ou os bancos. A propia veciñanza transmitiulle ás nacionalistas a súa preocupación polo estado que presenta a recentemente instalada pasarela peonil, que continuará en pé mentres se desenvolvan as obras da unión da avenida de Glasgow con Pablo Picasso.
As nacionalistas advirten da perigosidade deste paso peonil, nomeadamente para as persoas con mobilidade reducida hai que lembrar a cantidade de persoas maiores que viven no Birloque- e para os carriños de bebé. Tamén sinalan que a pasarela será practicamente intransitábel durante os días de chuvia, xa que se converterá nunha pista de patinaxe.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que adopte as medidas necesarias para garantir un acceso seguro para que a veciñanza poida cruzar a avenda de San Cristovo con total fiabilidade.