No Ofimático, o peixe grande, o Sr. Fontenla, come o peixe pequeno, @s desaloxad@s
A Coruña, 19 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira esíxelle ao Goberno municipal premura para concretar as medidas que resolvan as necesidades de vivenda das persoas desaloxadas do Ofimático, que, malia teren unha parcela no polígono, non teñen cartos (retenllos o Concello para lles xirar as cotas de urbanización) nin outra casa para vivir. Lamenta Avia Veira que na Xunta de Goberno Local extraordinaria de onte, na que se aprobaron novas licenzas, non se acordase ningunha actuación para solucionar a situación crítica das persoas expulsadas.
A concelleira nacionalista critica que o Goberno municipal lle faga o xogo aos grandes promotores e á Xunta de Galiza, cos que procede de xeito moi diferente respecto das persoas desaloxadas. No Ofimático, o peixe grande, é dicir, Fontenla, ao que mesmo se lle premia con máis aproveitamento urbanístico, come o peixe pequeño, denuncia Avia Veira.
O Grupo Municipal do BNG é moi crítico co proceder do alcalde coas persoas desaloxadas do Ofimático. E é que o Sr. Negreira mesmo chegou a asinar un Decreto (achégase xunto á nota) que enviou ao Contencioso para obter o permiso co fin de botar estas persoas das súas casas. Avia Veira empraza o alcalde a retirar o decreto e a lle solicitar o Contencioso que paralice o desaloxo, xa que só así, o colectivo de expulsados poderá falar co Goberno municipal en condicións dignas.