Un mes despois, Igualdade non respondeu a denuncia de Avia Veira sobre o sexismo de "Coruña Wapa"
A Coruña, 28 de novembro de 2013.- Dentro de dous días cúmprese un mes desde que a concelleira do BNG Avia Veira denunciou, mediante un formulario rexistrado na Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza, a publicidade sexista de Coruña Wapa e desde que esixiu a retirada desta campaña ideada polo Goberno do Sr. Negreira. Porén, a concelleira nacionalista aínda non tivo resposta de ningún tipo por parte da Secretaría Xeral de Igualdade, malia que, tal e como recolle este departamento da Xunta de Galiza na súa web, unha vez se formula unha denuncia de publicidade sexista realízanse os contactos necesarios para a súa retirada con anunciantes e medios nos que se publica, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo das mensaxes.
A concelleira do BNG considera inadmisíbel que a Xunta de Galiza non obrigase o Concello da Coruña unha campaña machista que, lonxe de velar pola igualdade, tivo como protagonistas os lemas Antes muerta que sencilla ou La belleza está en el interior del vestidor. Nesta liña, critica que os responsábeis públicos do Partido Popular atenten e permitan atentar contra a igualdade de mulleres e homes con campañas sexistas como a da Consellaría da Sra. Cid.
A secretaria xeral de Igualdade terá que dar a cara no Parlamento de Galiza
Será no Parlamento de Galiza onde, a instancias da deputada do BNG Carme Adán, a secretaria xeral de Igualdade terá que dar a cara e explicar por que motivo non mandou retirar a campaña sexista de Coruña Wapa. Previsibelmente, o BNG formulará en Comisión a pregunta oral ao respecto o 10.12.2013.