O Goberno municipal permite que a Autoridade Portuaria antepoña o negocio á saúde do pobo
A Coruña, 7 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pídelle explicacións ao Goberno do Sr. Negreira polas descargas a ceo aberto que tiveron lugar no porto da Coruña os días 4 e 6 de xuño e que están a causarlle prexuízos á saúde das persoas que viven no barrio dos Castros. Nunha batería de preguntas para a resposta escrita, a concelleira María Xosé Bravo interésase en saber se o Goberno municipal ten coñecemento das descargas, se ten medicións da contaminación do ar nestes días para coñecer se superan os límites marcados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e se ten previsto adoptar algunha medida para evitar esta frecuente situación.
Ademais, a edila do BNG pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira se se puxo en contacto coa Autoridade Portuaria e coa Xunta de Galiza para esixir o cumprimento da normativa medio ambiental e se pensa sancionar a Autoridade Portuaria. María Xosé Bravo acusa o Goberno municipal de permitir que o Porto da Coruña antepoña o negocio á saúde das veciñas e veciños que sofren problemas respiratorios e alérxicos e acusa o Sr. Negreira de querer tapar o seu amigo, o Sr. Losada.
En repetidas ocasións, o Grupo Municipal do BNG denunciou descargas a ceo aberto no porto da Coruña e pediulle explicacións ao Goberno municipal, ao que acusa de abandonar a veciñanza dos Castros. A concelleira do BNG considera inaceptábel que o Goberno municipal responda día si día non que se trata de descargas a ceo aberto puntuais e que non adopte ningunha medida para impedir unha as graves incidencias que provocan.