Galiza Nova enfróntase a máis de 20.000 de multas só por esixir traballo digno na terra
A Coruña, 8 de novembro de 2013.- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, transmitiulle esta mañá o apoio da organización frontista a Galiza Nova logo das identificacións e denuncias que sufriron os membros da formación xuvenil na protesta pacífica que tivo lugar no día de onte, en Palexco, contra a conselleira de Traballo, Beatriz Mato. O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, que compareceu en rolda de prensa xunto a Carballada e a Antía Insua, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova, puxo de manifesto que máis de 20 militantes da organización xuvenil foron denunciados e retidos polas forzas de seguridade españolas por reivindicarmos emprego digno diante de Beatriz Mato nun escrache pacífico.
As mozas de Galiza Nova limitáronse a preguntarlle a Beatriz Mato onde están os postos de traballo prometidos polo PP e a amosar uns cartaces que amosan a cruel realidade que sofre a mocidade no noso país. Non puidemos manifestarnos máis que 30 segundos, pois desaloxáronnos rapidamente da sala e, a continuación, fomos retidos e identificados pola garda civil, sinalou Alberte Mera. O secretario xeral de Galiza Nova puxo de manifesto que antes de saír de Palexco, as militantes nacionalistas volveron ser interceptadas, desta vez, pola policía, que tamén as identificou e comunicou que serían sancionadas por alterar a orde pública nun acto institucional. Ao remate do acto, tres grilleiras da policía nacional custodiaban as portas de Palexco. A actitude chulesca da garda civil e da policía foi un exceso, até recorreron aos empurróns, engadiu.
Alberte Mera e Antía Insua foron advertidos pola policía de que amais de sermos multados por alterar a orde pública nun acto institucional seriamos apercibidos por no tener una actitud colaborativa, é dicir, por simplemente preguntarmos por que nos estaban retendo, denunciou o secretario xeral de Galiza Nova.
Poderiamos a enfrontarmos a máis de 20.000 euros de multas só por esixirmos traballo digno na nosa terra
En resposta ás preguntas dos medios, Alberte Mera sinalou que os membros de Galiza Nova que protestaron onte no Palexco poderían enfrontarse a máis de 20.000 euros de multas, simplemente por esixir traballo digno na nosa terra, esta é a represión económica do PP, advertiu.
Nesta liña, o secretario xeral de Galiza Nova denunciou a estratexia do PP para acalar as voces críticas coas súas políticas antisociais a través de multas, o PP pretende que collamos medo e non nos rebelemos.
Cada día, 70 mozas abandonan o noso país e a taxa de paro xuvenil supera o 50%
Pola súa banda, Antía Insua deu conta dos datos que querían facerlles chegar os membros de Galiza Nova á conselleira de Traballo. As cifras amosan o verdadeiro drama que vive a mocidade na nosa terra, sinalou, o PP provoca que cada día 70 mozas de entre 20 e 34 anos abandonen Galiza. Só o ano pasado máis de 26.000 mozas foron condenadas ao éxodo, apuntou. En canto á taxa de paro, a membro da Dirección Nacional de Galiza Nova expuxo que, actualmente, o paro xuvenil supera o 50% e máis de 80.000 mozas que queren traballar non atopan emprego no noso país.
Desde Galiza Nova chamamos á rebelión contra este panorama inxusto, salientou Antía Insua, quen sinalou que malia os empurróns, represión, identificación, ameazas do PP e demais manobras da policía, seguiremos loitando pacificamente por un traballo digno.