Fracasa a intención do Goberno local de incluír no PEPRI o Plan especial do Porto
A Coruña, 13 de outubro de 2014.- A Dirección Xeral de Patrimonio obriga a excluír do ámbito do PEPRI os terreos portuarios, razón pola que fracasa a intención do Goberno Local de incluír no PEPRI o Plan especial do Porto (PEOZOS), cuxa modificación está en trámite para dar cobertura legal ao viario e ao aparcadoiro soterrados e para legalizar o ilegalizábel, a estación marítima ilegal e o estabelcemento hosteleiro Nemo. O BNG lembra que nas súas alegacións ao PEPRI puña de manifesto as contradicións existentes co Plan Especial do Porto en trámite.
Patrimonio exixe excluír do PEPRI a zona do Porto
O Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, de 29 de agosto de 2014, sobre a revisión e adaptación do Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e Pescadaría no Concello da Coruña tomba a intención do Goberno Local de incluír no Pepri o Plan Especial do Porto. Así recolle que se debe revisar o artigo 3 da normativa urbanística en xeral, en concreto di: Artigo 3. Ámbito. Deberá indicarse que no ámbito portuario será de aplicación o Plan Especial da Zona de Servizo do Porto da Coruña (páxina 12 do documento (páxina 11 do informe) e páxina 19 do documento (páxina 18 do informe)). Ademais na normativa urbanística no eido arqueolóxico, en concreto no artigo 48 sinálase: Art. 48. Obxecto e ámbito de aplicación. No parágrafo segundo sinala que o ámbito de aplicación desta normativa será coincidente co do propio Plan Especial si ben a zonificación proposta abrangue todo o ámbito do Conxunto Histórico, incluído o espazo portuario xestionado polo PE do Porto, que por ser de diferente xestión estímase que deberá excluírse.
A intención do Goberno Local de incluír no PEPRI a modificación do Plan Especial do Porto
O informe de Patrimonio tomba a intención do Goberno Local de incluír no PEPRI o Plan Especial do Porto, cuxa modificación está en trámite. Dita intención fora expresada en escrito remitido ás nacionalistas o pasado 3 de xuño no que sinalaba que o Goberno Local renunciaba a continuar a tramitación da modificación puntual do Plan especial do Porto, incorporando no PEPRI os cambios que fixesen falta e as determinacións que correspondesen destes dous documentos.
Coa incorporación do Plan Especial do Porto ao PEPRI, cuxa modificación está en trámite, pretendía o Goberno Local dar cobertura legal ao viario e ao aparcadoiro soterrados do Parrote e legalizar o ilegalizábel, a estación marítima ilegal e o estabelecemento hosteleiro Nemo.
As contradicións entre o PEPRI e a modificación do PEOZOS e o Plan de infraestruturas da Mariña e do Parrote
O BNG xa alertara nas súas alegacións ao PEPRI as contradicións existentes entre este e instrumentos de planeamento en trámite como o Plan especial do Porto (PEOZOS) e o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións para a mellora da mobilidade na zona da Mariña e do Parrote. Así as nacionalistas sinalaban que o PEPRI non se axustaba nin ao PEOZOS, nin ao Plan de infraestruturas da Mariña e do Parrote na medida en que o sistema de accesos (entradas e saídas) ao aparcadoiro do Parrote non cadraba cos plans especiais en tramitación.