O BNG exíxelle ao Sr. Negreira que vele pola saúde e o benestar da veciñanza dos Castros
A Coruña, 13 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Sr. Negreira que vele pola saúde e o benestar da veciñanza dos Castros diante dos episodios de contaminacións derivados das descargas de graneis no porto. Lembran as nacionalistas que só no mes de setembro se rexistraron picos de 229 µg/m³, isto é, de partículas en suspensión PM10, que son as que provocan afeccións respiratorias e de alerxia á veciñanza.
Setembro comezou con medias diarias que foron de 42 µg/m³ o día 1, de 54 µg/m³ o día 2 e de 41 µg/m³ o día 3. As nacionalistas sinalan que as medias diarias contemplan tamén os datos pertencentes ás horas da madrugada en que non hai actividade, o que provoca que os promedios baixen de maneira significativa. Atendendo só aos datos horarios, nestes tres primeiros días de setembro superáronse até en 21 ocasións os 50 µg/m³ (achégase documento xunto á nota). Advirte o Bloque de que o Real Decreto 102/2011, relativo á mellora da calidade do aire, estabelece que non poden superarse os 50 µg/m³ en máis de 35 veces ao ano.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pide rigor á hora de estabelecer estas medias, que semellan máis ficticias que reais, e á hora de rexistrar todos os datos horarios. Ademais, as nacionalistas lembran que son frecuentes as ocultacións e desaparicións de cifras na táboa de emisións de partículas en suspensión que recolle a web da Autoridade Portuaria.
O BNG lembra que, a través da súa representante en Europa, Ana Miranda, vai levar ao Parlamento europeo as denuncias da asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros co fin de exixir medidas que garantan a calidade do aire e para acabar cos problemas de saúde derivados das descargas no porto.