A falta de tres meses para que remate o ano, o Sr. Negreira ten sen executar o 70% do orzamento
A Coruña, 29 de setembro de 2014- Nunha primeira valoración despois de que a Xunta de Goberno Local aprobara, en sesión extraordinaria, o segundo modificativo de crédito deste ano, o Grupo Municipal do BNG critica que a falta de tres meses para que remate o ano, o Goberno do Sr. Negreira ten sen executar máis do 70% do investimento. E é que, en nove meses, tan só executou o 29,18% do total do investimento, tal e como amosan os datos achegados pola Tesourería sobre o estado de execución do orzamento municipal para a tramitación do modificativo de crédito M2/2014, que achega cifras do pasado 24 de setembro.
45.464.969,23 euros eran os créditos totais do capítulo 6 de investimentos reais, destinado a novos equipamentos e infraestruturas ou adquisición de bens inventariábeis no orzamento aprobado para o ano 2014, e 17.689.711,57 euros eran os créditos totais do capítulo 7 de transferencias de capital. A 24 de setembro de 2014, había recoñecidas expresamente obrigas por valor de 16.768.504,39 euros de investimentos reais e tan só 1.663.237,26 de transferencias de capital. Deste modo, quedan aínda 44.722.939,15 euros por gastar do gasto de investimento.
Tamén o estado de execución reflicte que do que levamos de ano estase gastando máis do que se ingresa, e é que a recadación líquida a 24 de setembro sinalaba que en caixa había 93.344.052,81 euros, mentres que se levaba pagado xa (pagos líquidos) 125.509.542,35 euros.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG salienta que as políticas de asfalto do Sr. Negreira chuchan unha cuarta parte deste modificativo. Así, dos 2,51 millóns do modificativo de crédito, un total de 630.554,68 euros son destinados ao mantemento da vía pública, dos firmes, das beirarrúas e das áreas peonís. Con este investimento nos barrios, o Goberno do Sr. Negreira trata de facer que fai e busca neutralizar as críticas recibidas por dedicar a meirande parte do investimento público dos orzamentos municipais de 2014 ás obras da zona do Parrote e da Mariña.