Fracaso na inscrición para acceder ás hortas urbanas por culpa do seu prezo
A Coruña, 29 de setembro de 2014- A Xunta de Goberno Local, reunida de forma extraordinaria esta mañá, aprobou a modificación das bases que regulan a convocatoria para a concesión das autorizacións de uso das hortas urbanas de Novo Mesoiro ao non lograr cubrir as solicitudes para o acceso ás hortas. Así, despois de que o número de solicitudesn cuxo prazo de presentación concluíu o 10 de setembro- fora inferior ao número total de hortas dispoñíbeis (89, coas correspondentes reservas contempladas nas bases), a Xunta de Goberno Local aprobou incluír unha nova base na que se indica que se finalizado o prazo de inscrición o número de solicitudes presentadas fose inferior ao número de hortas dispoñíbeis, o prazo de presentación prorrogarase até esgotar o total de hortas. Tamén aprobou incluír outra base que recolle que se finalizado o prazo quedasen hortas dispoñíbeis, as reservas para prácticas de educacións ambientais e colectivos ampliaranse até esgotar o total de hortas dispoñíbeis.
O Grupo Municipal do BNG sinala que o fracaso na inscrición para acceder ás hortas urbanas cuxa execución lle custou ao Concello 171.849,82 euros co IVE incluído- responde ao feito de que as hortas urbanas sexan de pago e non sexan de balde. As nacionalistas, que desde o primeiro momento lle exixiron ao Goberno do Sr. Negreira que as hortas urbanas fosen gratuítas, lembran que en base á Ordenanza Fiscal nº43, a tarifa xeral de acceso ás hortas ascende a 25 euros ao mes e ten unha cota de inscrición de 50 euros e a tarifa social comporta unha cota de inscrición de 50 euros. Esta cota social, que as nacionalistas consideran inconcebíbel, é de aplicación ás persoas que acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM, que en 2014 está fixado en 7.455,14 euros ao ano no caso de ter 14 pagas ou en 6.390,13 euros ao ano no caso de ter 12 pagas. O Bloque denuncia que unha persoa que cobra ao redor de 530 euros ao mes non pode permitirse aboar 50 euros para inscribirse, amais de ter que pagar os aparellos de labranza e as sementes necesarias para o cultivo.
Na mesma liña, o Grupo Municipal do BNG denuncia que as tarifas coas que o Goberno do Sr. Negreira grava o acceso ás hortas son máis propias dun club privado e advirte de que as hortas impulsadas polos movementos sociais en Feáns, a escasos metros das construídas en Novo Mesoiro, teñen un custo simbólico de 20 euros anuais.