Confírmase a ocultación das auditorías de Nostián porque o Goberno negocia, ás agachadas, con Albada
A Coruña, 20 de marzo de 2013.- As informacións publicadas por un medio de comunicación sobre as conclusións de Albada confirman que o Goberno municipal non quere dar a coñecer o resultado porque está negociando ás agachadas coa empresa. Despois do seu estrepitoso fracaso aprobando a revisión de oficio do acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de abril de 2011 (informada desfavorabelmente polo Consello Consultivo), o Goberno do Sr. Negreira opta, claramente, por pactar coa empresa e non por explorar a vía de declarar lesivo este acordo en base ao art.103 da Lei 30/1992, para que sexa o Xulgado quen o confirme, opción defendida polo Grupo Municipal do BNG.
Tal e como xa advertira o BNG, o máis grave é que unha vez rexeitada a revisión de oficio pode abrirse a vía da responsabilidade patrimonial do Concello polo acordo de 16 de decembro de suspensión cautelar do pago a Albada do 5% de gastos xerais e do 5% do beneficio industrial, ademais de ter que aboar os importes que a empresa deixou de percibir.
Na sesión plenaria de febreiro, as nacionalistas formularon unha pregunta oral na que se interesaban polos motivos que levan o Goberno municipal a non facer públicos os resultados das auditorías técnica-ambiental de Nostián e económica-estudo de viabilidade da concesión do servizo. O BNG formulou esta interpelación despois de que o Goberno municipal lles impedira ás concelleiras nacionalistas, até en dúas ocasións, acceder ás conclusións destes informes e despois de que as nacionalistas lle solicitaran ao visitar a planta, unha petición que, desde xullo de 2011, non foi respondida.
Esta mañá, o BNG volveu solicitar acceso ao resultado dos informes
Esta mañá, o Grupo Municipal do BNG solicitou esta o acceso ao resultado destes informes. Trátase da terceira vez que as nacionalistas reclaman ter acceso a esta documentación.
As nacionalistas sempre insistiron en coñecer o resultado destas auditorías para ter coñecemento dos incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados. Estas conclusións darán a coñecer de que parte é responsábel a empresa e de que parte o é o Concello, sempre en función do contrato da concesión.
O Grupo Municipal do BNG só ten coñecemento da situación da planta de Nostián a través do Comité de Empresa de Albada, que leva tempo alertando da saturación da planta e do tratamento incorrecto e inseguro dos lixiviados.