Confírmase o atraco do túnel da Mariña: o Concello porá 16,5 millóns e o Porto só 2 millóns
A Coruña, 12 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que, finalmente, e en base ao acordo anunciado hoxe polo Goberno do Sr. Negreira entre o Concello e a Autoridade Portuaria, sexa a veciñanza da Coruña e non o Porto quen lle faga fronte á meirande parte do custo do túnel da Mariña. Segundo o anunciado polo Goberno municipal esta mañá, a obra custará 18,5 millóns (16,5 millóns o viario subterráneo e 2 millóns a urbanización da superficie) e mentres que o Concello terá que pagar 16,5 millóns, a Autoridade Portuaria, que é a principal beneficiaria da obra, porá só 2 millóns.
O Grupo Municipal do BNG oponse a que o Goberno do Sr. Negreira lle faga pagar a cidadanía da Coruña 16,5 millóns desta megaobra grazas á cal a Autoridade Portuaria fará negocios urbanísticos. As nacionalistas ven claro que o ente que preside Enrique Losada fará caixa coa superficie do túnel una vez estean desafectados os peiraos. Lembra o BNG que en base ao aprobado na Xunta de Goberno extraordinaria do 01.08.2013 será o Concello da Coruña quen, ademais de apoquinar 16,5 millóns, teña que pagar a conservación e o mantemento das obras executadas.
E os 9 millóns que supostamente achegaba o Estado para o túnel nos orzamentos xerais?
O anunciado esta mañá polo alcalde contradí as declaracións do Goberno municipal en que aseguraba que os orzamentos xerais do Estado recollían case 9 millóns de euros para financiar o túnel da Mariña. Aínda a 02.10.2013, o portavoz do Goberno municipal afirmaba ante os medios a existencia deses 9 millóns de euros que, supostamente, incluían as contas xerais do Estado para 2014.
Para o BNG, ponse de manifesto o engano do Goberno municipal cando, no seu papel de trileiro, tratou de facerlle crer á cidadanía que a partida do Ministerio de Fomento 001 Actuaciones puerto actual. Puerto del Estado. 8.952.000 euros correspondía ao túnel da Mariña. As mentiras volven caerlle na cara ao Partido Popular.
Un túnel innecesario
Por último, o Grupo Municipal do BNG critica o gasto de 18,5 millóns de euros (dos cales poremos as coruñesas 16,5) nun túnel completamente innecesario. Que é innecesario é algo que xa recolleu a memoria do PEPRI, que sinala que na área da Mariña a accesibilidade está suficientemente garantida nas condicións actuais e mesmo alude ao posíbel efecto chamada ao tráfico do túnel, ademais de apuntar á inexistente conxestión viaria neste ámbito.