Carril proporá na vindeira asemblea aberta que persoas inmigrantes formen parte da candidatura
A Coruña, 11 de marzo de 2015- O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas e portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, proporá na vindeira asemblea aberta convocada polo BNG que encabece o segundo tramo da candidatura persoas inmigrantes. Así o anuncia despois de se reunir na tarde de hoxe con inmigrantes e persoas que se dedican á venda ambulante, que lle propuxeron que o BNG-Asembleas Abertas inclúa nos postos de saída do segundo tramo da candidatura membros do colectivo.
Carril, na súa condición de fillo de emigrantes galegos (motivo polo cal naceu en Londres), apela a facer visíbel a situación que vive o colectivo de inmigrantes que se dedican á venda ambulante e salienta que #TodasAsCoruñas tamén é das persoas inmigrantes, pois nos fomos e somos emigrantes.
O BNG-Asembleas Abertas recollerá no programa medidas que garantan os dereitos das persoas inmigrantes
Precisamente, o BNG-Asembleas Abertas levará no programa medidas específicas para garantir os dereitos das persoas migrantes, como a derrogación da taxa por decomiso aprobada polo Goberno do Sr. Negreira, unha decisión do PP que representa un novo imposto á pobreza e que institucionaliza o acoso ás persoas inmigrantes que se dedican á venda na rúa.
Entre as propostas que levará o BNG-Asembleas Abertas no programa atópase un conxunto de medidas que favorezan a formación, o emprego e o acceso a vivenda deste colectivo. Ademais, o BNG-Asembleas Abertas recollerá no programa que o Concello da Coruña adopte as medidas oportunas necesarias para combater a discriminación no acceso á saúde con independencia da orixe e situación administrativa das persoas.