Carril pon en coñecemento da Fiscalía as verteduras na ría e solicita información no Porto
A Coruña, 12 de marzo de 2015- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, rexistrou esta mañá na Autoridade Portuaria unha solicitude de acceso ao expediente relativo ás verteduras de hidrocarburos que provocaron o peche da ría da Coruña, nas augas comprendidas entre a cala do Dexo e a punta de Alba e aos documentos relativos aos controis das instalacións de Repsol no porto interior. Ademais, o portavoz nacionalista presentou un escrito na Fiscalía para que o Ministerio Fiscal actúe de oficio e investigue as verteduras para determinar se existe ou non responsabilidade penal.
En concreto, Carril solicitoulle á Autoridade Portuaria o acceso ás actas de inspección, medicións e outros documentos existentes en relación coas verteduras á ría que se veñen producindo desde febreiro. Tamén solicita acceso aos documentos relativos aos controis efectuados ás instalacións de Repsol no porto interior. Esta petición ten lugar despois de que o Grupo Municipal do BNG tivera coñecemento da paralización da actividade do pantalán número 4 de Respol no mes de febreiro, un peche que coincidiu no tempo coa vertedura de hidrocarburos detectada o pasado mes.
Desta maneira, o portavoz nacionalista quere saber se é certo ou non o que din tanto a Autoridade Portuaria como Repsol en relación aos niveis anómalos de Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos detectados nas mostras tomadas en distintas áreas do litoral coruñés.
Carril pon os feitos en coñecemento da Fiscalía para que actúe de oficio
Ademais de rexistrar o escrito de solicitude de acceso á documentación diante da Autoridade Portuaria, Carril presentou na Fiscalía un escrito no que insta o Ministerio Fiscal a actuar de oficio e a investigar os feitos, que son públicos e notorios. Deste xeito, poderase determinar se existe ou non responsabilidade penal por un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, na medida en que o Código Penal tipifica delitos que aluden a verteduras.
No escrito presentado ante a Fiscalía, o portavoz do Grupo Municipal do BNG expón os feitos e advirte de que comezan a ser excesivamente frecuentes as resolucións de prohibición de extracción de moluscos infaunais na ría do Burgo-Coruña. Ademais, Carril faise eco no escrito da preocupación e da experiencia de traballadores do mar, que sinalan que non é a primeira vez que se producen verteduras de hidrocarburos como os que están a afectarlle á costa da Coruña e que, segundo puideron saber hai anos, estas verteduras tiñan lugar cando os tanques de Repsol desbordaban. Nesta liña, o portavoz nacionalista recolle no escrito que, segundo os traballadores do mar, as características das verteduras que están afectando a ría apuntan a que se produciron de dentro da ría cara a fóra.
No escrito presentado diante da Fiscalía, Carril tamén se refire ao prexuízo que provocan as verteduras no colectivo de mariscadores e mariscadoras e doutros recolectores. Apunta que este colectivo carece dun seguro que lle cubra este tipo de incidentes alleos á súa actividade, pero que o condena a quedar sen traballo e sen ingresos por falta de control, seguimento ou inspección de quen lle corresponda.