Carril: "Que máis ten que pasar na ría para que interveñan os poderes públicos?

Carril: "Que máis ten que pasar na ría para que interveñan os poderes públicos?

carril 2A Coruña, 18 de marzo de 2015- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, pregúntase que máis ten que pasar na ría para que interveñan os poderes públicos, nomeadamente a xustiza, despois de que o BNG tivera coñecemento a través de traballadores e traballadoras do mar dunha nova vertedura. Desta vez, segundo lle transmitiron a Carril mariscadores, trátase dunha gran mancha que pode percibirse xunto á dársena de Oza, mais aínda non se coñece a súa procedencia.

Precisamente, esta mancha ten lugar o día no que o Intecmar lle comunicou á Confraría da Coruña os resultados das análises das mostras recollidas o día 9 de marzo. As analíticas non traen boas noticias para os mariscadores, pois os niveis de hidrocarburos son máis altos do legalmente estabelecido e até o vindeiro luns, 23 de marzo, non se tomarán novas mostras. Isto significa, tal e como lle informaron os afectados a Carril, que non se coñecerán os resultados até principios de abril, pois tardan uns 10 días.

O Grupo Municipal do BNG alerta das graves consecuencias económicas destas verteduras nos traballadores e traballadoras do mar, que teñen que seguir pagando a cota correspondente para a cotización e os impostos aínda que non poidan saír faenar. Os mariscadores e mariscadoras advirten de que a mancha que xurdiu hoxe implica que non poidan traballar no que resta de mes.

O BNG á fronte da loita institucional contra as verteduras na ría

O propio Carril solicitoulle á Autoridade Portuaria a semana pasada acceso a toda a documentación relativa ás verteduras de hidrocarburos e puxo en coñecemento da Fiscalía os feitos para que actúe de oficio por se existe un posíbel delito contra o medio ambiente e os recursos naturais. Ademais, o BNG, que se atopa á fronte da loita institucional contra as verteduras na ría, presentou no Parlamento e no Congreso unha batería de iniciativas sobre a vertedura de hidrocarburos e sobre os prexuízos que está a causar no colectivo de traballadores e traballadoras do mar.

O Bloque tamén levou ao Parlamento europeo o asunto a través dunha pregunta formulada pola europarlamentar da ALE Tatjana Zdanoka –unha das membros da misión de investigación dos parlamentares europeos á ría do Burgo- á Comisión Europea con fin de que se volva abrir expediente sobre a ría para informar sobre as reiteradas verteduras de hidrocarburos.

 

 

Carril: "Que máis ten que pasar na ría para que interveñan os poderes públicos?