Carril explica como o Goberno do Sr. Negreira puido evitar o despexo do Ofimático

Carril, con puxo violeta na imaxe, estivo encadeado ao portal da casa finalmente desaloxada
Carril explica como o Goberno do Sr. Negreira puido evitar o despexo do Ofimático

Carril, con puxo violeta na imaxe, estivo encadeado ao portal da casa finalmente desaloxada

A Coruña, 27 novembro de 2014- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, pasou a noite coa familia desaloxada do Ofimático e coas activistas de Stop Desafiuzamentos co fin de que se evitase este desaloxo, até o punto de chegarse a encadear ao portal da casa en cuestión. En declaración aos medios, Carril, quen acompañara a familia desaloxada en numerosas ocasións, puxo de manifesto que o Sr. Negreira puido ter evitado o desafiuzamento mediante a exclusión do sector as casas e os terreos afectados pola ponte do Ofimático, a través da paralización inmediata das obras de urbanización nesta parte da ponte e a través da modificación do planeamento.

Carril, que avogaba pola paralización inmediata e cautelar das obras de urbanización na parte da ponte (isto é, a paralización da execución da urbanización da zona afectada e dos actos previos para a mesma tales como os desaloxos), sinalou que o Goberno do Sr. Negreira puido ter modificado o planeamento do PXOM e o propio Plan Parcial do Ofimático e, en consecuencia, o proxecto de reparcelación e de urbanización.

Explicou o nacionalista que a modificación do planeamento do PXOM e do Plan Parcial do Ofimático faríase para, por unha banda, excluír do sector as casas e terreos afectados pola ponte e, pola outra banda, suprimir a ponte e, conseguintemente, reordenar o sistema de accesos ao sector. Lembrou Carril que a ponte é un elemento básico estruturante do Ofimático, razón pola que, de suprimirse, habería que prever a reordenación de accesos ao sector.

Por último, o portavoz do Grupo Municipal do BNG admitiu que a operación era algo complexa, mais salientou que tamén foron e son complexas todas as modificacións do planeamento que acomete o Goberno do Sr. Negreira en beneficio dos grandes promotores; alén dos privados, entre os que se pode incluír a Xestur, sinalou.

 

Carril explica como o Goberno do Sr. Negreira puido evitar o despexo do Ofimático