O BNG reivindica os dereitos das mulleres e a democracia no xuízo contra Dani e David
A Coruña, 26 novembro de 2014- A Comisión de Acción Feminista do BNG da comarca da Coruña organizou na mañá de hoxe unha concentración ao pé dos xulgados en solidariedade con Dani Carballada, concelleiro do BNG en Cambre, e o estudante David Neira, os compañeiros xulgados por realizaren unha pintada nun muro de contención da N-VI á altura da glorieta do Seixal co fin de reinvindicaren o dereito das mulleres a decidiren cando ser nais. As nacionalistas, entre as que se atopaban representantes da organización como a secretaria nacional de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín, o secretario nacional de Organización do BNG, Bieito Lobeira, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada ou o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, criticaron a carraxe furibunda e inaceptábel da garda civil cando identificou estes compañeiros, aos que lles impuxo mesmo sancións de tráfico para reprimiren con máis saña a realización do mural. Alén da multa, criminalizaron a pintada cunha denuncia presentada ao xulgado, cando a acción podía ser resolta cunha proposta de sanción menor pola propia garda civil.
En declaracións aos medios á entrada dos xulgados, Dani Carballada, un dos compañeiros xulgados, que é concelleiro do BNG en Cambre, puxo de manifesto que o xuízo responde a unha cuestión política para criminalizar dous cidadáns que somos dos de abaixo, dos da base, dos que defendemos os nosos dereitos e liberdades democráticas, cando hai milleiros de ladróns de luva branca e cando se produce un saqueo a mans cheas. Explicou que estamos aquí porque se busca presentarnos diante dos nosos veciños e veciñas como se fósemos delincuentes, uns bárbaros, xente perigosa, cando o único que fixemos foi o dereito das mulleres a decidiren cando ser nais. Nesta liña salientou que unha democracia sen pintadas é como un xardín de flores e a nós gústanos a primavera.
Dani Carballada engadiu que estamos aquí para reivindicar os dereitos das mulleres e a democracia, para reivindicar unha liberdade de expresión e uns dereitos civís de calidade, para que o pobo teña a palabra, sinalou. Este xuízo é máis propio do franquismo que da democracia, concluíu o concelleiro do BNG en Cambre.
Goretti Sanmartín: Os poderes políticos queren provocar medo na xente con xuízos coma este
Tamén en declaracións aos medios, Goretti Sanmartín, secretaria nacional de Implantación e Estratexia Municipal, sinalou que o de hoxe é un xuízo político que ten lugar cando xa se retirou o anteproxecto da reforma da lei do aborto e que responde a tentar criminalizar os dereitos das mulleres e as repostas sociais do pobo. A responsábel de política municipal do BNG, que cualificou a situación de surrealista e esperpéntica, acusou o Partido Popular de querer que a xente fique calada, na casa, e que non saia a rúa nin exprese os seus posicionamentos.
Na mesma liña, Goretti Sanmartín apuntou que aquí non só se xulga os dereitos das mulleres, senón a posibilidade de exercermos a liberdade de expresión dunha maneira en que non había ningunha agresión a ningún ben público nin patrimonial. O xuízo só ten como finalidade provocar medo social, que é o que lles interesa aos poderes políticos, finalizou.