Carril chama a impulsar os sectores produtivos "porque o paro non se resolve con campañas de bicos"
A Coruña, 5 de febreiro de 2013.- En resposta ás preguntas dos medios en relación aos datos do paro, o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril puxo de manifesto que cada día que pasa, as medidas impulsadas tanto por parte do Goberno central como por parte da Xunta de Galiza van na liña contraria á creación do emprego. As reformas laborais que se estiveron a facer confirman o que dicía o BNG: que non se ía crear emprego, senón todo o contrario, íase destruír, que esta destrución de emprego ía supoñer máis paro, que este paro provocaría maior empobrecemento e que este maior empobrecemento incrementará a criminalización, porque as persoas sen recursos se verán forzadas a dilinquir.
Carril reivindicar cambiar radicalmente estas políticas, sobre a base de que é posíbel crear emprego, tamén desde o eido municipal. Está moi ben que nos biquemos e nos deamos apertas, pero iso non vai resolver o problema do paro, sinalou. Hai que apostar seriamente polos nosos sectores produtivos, estamos fartos e fartas de dicir que podemos vivir do campo, que podemos vivir do mar, que podemos vivir da industria, que podemos vivir da universidade, que podemos vivir do pequeno e mediano comercio ou que podemos vivir da hostalaría, indicou.
Potencialidades, temos, pero hai que crer que as temos e hai que traballar nelas, para as impulsar, e non bicarnos, salientou. Se a solución ao paro for a creación dun viveiro de bicos, por suposto que o Goberno municipal podería contar co apoio do BNG, pero non o é, a solución é apostar polos sectores produtivos, que é algo que o Goberno do Sr. Negreira non está a facer, concluíu.