Avia Veira: "O BNG será a voz das persoas que o Goberno municipal reprime nos Plenos"

Avia Veira: "O BNG será a voz das persoas que o Goberno municipal reprime nos Plenos"

A Coruña, 5 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira reuniuse esta mañá con representantes veciñais que sufriron a actitude represiva do Goberno municipal en sesións parlamentares. Na xuntanza, estaban presentes máis dunha decena de persoas desaloxadas do Ofimático e representantes veciñais de Monte Alto e dos Castros.

Ante as numerosas críticas que lle chegan ao BNG sobre as malas maneiras do Goberno municipal nos Plenos, a edila nacionalista presentou un rogo oral co fin de que se lle deixe ao pobo asistir con liberdade ás reunións dos seus organismos, que deixe de empregar a policía local para disuadilo e que promova o cumprimento das disposicións do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá que lle permiten participar directamente á cidade nas reunións do Pleno.

En rolda de prensa posterior á reunión, Avia Veira criticou "o acoso ao que nos últimos tempos se ven sometidas as persoas que queren asistir aos plenos". "Para comezar, situados de xeito disuasorio, ao entrar na Casa do Concello, os e as convidadas se atopan cunha ducia de policías locais, como se estes tivesen que protexer a institución do propio pobo", sinalou. "E unha vez que soben ao palco, advírteselles de todo o que non poden facer: non se poden sentar na primeira ringleira de asentos e teñen que apagar os seus móbiles", explicou. "Non é necesario que as persoas que asisten aos Plenos berren, nin que alteren a orde pública, só en canto moven un dedo xa hai orde de que as expulsen", advertiu.

"Non nos estraña, á vista destas actitudes que o pobo se sinta cada vez máis afastado das institucións que se supón que o teñen que representar e das persoas que temos o deber de representalo", salientou. A concelleira do BNG puxo de manifesto que o Goberno municipal "non pode actuar en contra das asociacións ou plataformas que democraticamente reivindican os seus dereitos". "As actitudes despóticas deste Goberno e do PP están a rematar coa democracia", alertou. Avia Veira lembroulle ao Goberno do Sr. Negreira que "non son vostedes os donos das institucións, parece que llo hai que recordar dadas as actitudes que se veñen reproducindo neste Pleno e, recentemente, no Parlamento de Galiza".

A concelleira do BNG puxo de manifesto que "seremos a voz das persoas reprimidas polo Goberno municipal nos Plenos". Así, anunciou que o BNG traballará con todos os colectivos que se ven afectados polo despotismo do Goberno do Sr. Negreira de cara a presentar unha inicitiva na próxima sesión plenaria.

Pilar Santiago, desaloxada do Ofimático: "Sentimos que vivimos nunha cidade cun Goberno municipal represor"

Pola súa banda, Pilar Santiago, que falou en nome das persoas desaloxadas do Ofimático, explicou a problemática que sofre o colectivo. "A día de hoxe, temos incautadas as nosas propiedades por parte do Concello para formar parte dunha urbanización privada, as nosas casas foron valoradas cunha cantidade irrisoria que non recibimos e dannos porcentaxes de edificabilidade do Ofimático, de aí que teñamos que pagar os gastos de urbanización", explicou. "Estamos endebedados e vivimos de okupas nas nosas casas e non podemos facer ningún acto de visibilización da nosa problemática nin de rexeitamento a esta situación porque somos reprimidos e acosados polas forzas de seguridade que envía o Goberno municipal", salientou.

Puxo de manifesto que o Goberno municipal non lles permite concentrarse nos pasos elevados de Alfonso Molina, ao entender que poden distraer os e as condutoras e provocar un accidente. "E isto, cando o Concello ten a avenida pragada de cartaces e con valados de empresas", denunciou. "Sentimos que vivimos nunha cidade cun Goberno municipal represor", declarou a afectada, quen denunciou que a día de hoxe segue á espera da resposta do alcalde á dúas solicitudes de reunión.

Paulo Sexto, da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros: "Parece que vivimos en tempos pasados que criamos superados"

Pola súa parte, Paulo Sexto, presidente da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, expuxo que "calquera crítica que se lle fai ao Goberno municipal é respondida con represión, mesmo poñendo trabas para acceder ao que tiña que ser a casa común dos veciños e veciñas, o Concello". "Temos que estar calados nos plenos, non podemos opinar... parece que estamos nun estado de sitio, nun estado represivo", indicou. Sexto, que acusou o Goberno municipal de pretender aniquilar as asociacións de veciños e veciñais máis contestatarias reducíndolles as axudas, salientou que o PP actúa dunha maneira mesquiña con determinados movementos sociais.

Lembrou Paulo Sexto que "o Día da constitución, que proclama a liberdade de expresión, o Goberno municipal obrigou a retirar unha pancarta que colocarámos na rúa da Gaiteira contra a medianeira que o Sr. Negreira pretende colocarnos a alí". "A faixa non se metía con ninguén e que só reivindicaba unha reclamación avalada por 1.700 sinaturas", explicou. "O Goberno municipal está a lembrarnos tempos pasados que criamos superados", advertiu. "Só lle pedimos que nos deixen facer o noso traballo, que é reivindicar melloras para o noso barrio", concluíu.

Alberte Fernández, A VV Monte Alto: "Antes de entrar a un Pleno fun identificado por cinco policías"

Pola súa banda, o presidente da A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, entidade que hoxe en día está a vivir o conflito ao redor do peche da súa biblioteca por parte do Goberno municipal, sinalou que a represión que sofren por parte do Concello comezou a raíz da súa oposición aos mamotretos de Durmideiras. Precisamente, no Pleno de agosto en que se debateu o PXOM, o propio Alberte Fernández foi identificado pola policía antes de entrar ao salón. "Sacáronme cinco policías da tribuna de convidados e trataron de agocharme das cámaras en todo momento", denunciou. Nese mesmo Pleno, unha decena de veciños e veciñas foron desaloxadas tras amosar unha faixa contra os mamotretos de Durmideiras e tras berrar "Non á especulación".

"O modus operandi do Goberno do Sr. Negreira é sempre o mesmo: trata de meternos no marco político e atacarnos como grupos da oposición; deste xeito, preséntase como vítima", apuntou. "A criminalización non é a vía, porque van conseguir todo o contrario, a proba témola no conflito ao redor da biblioteca, no que a xente se sumou ás reivindicacións da asociación", sinalou. "A represión non é a solución, a solución son as mesas de diálogo", subliñou.

 

Podes ver vídeos coas declaracións picando nestas ligazóns:

http://www.youtube.com/watch?v=pM5CvCgy8iQ  Paulo Sexto, presidente da AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros

http://www.youtube.com/watch?v=bP0GOZlo4sg  Pilar Santiago, afectada do Ofimático

http://www.youtube.com/watch?v=nLT2ESFzgQI  Alberte Fernández, presidente da AVV As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules

http://www.youtube.com/watch?v=NQme9Z_NXfo

 

 

Avia Veira: "O BNG será a voz das persoas que o Goberno municipal reprime nos Plenos"