Carril: "O alcade é soberbio e ingrato c@s veciñ@s de Monte Alto"
A Coruña, 5 de febreiro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, acudiu esta mañá á biblioteca da A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules para doar os libros que onte o alcalde rexeitou. Cando os concelleiros do PP tombaron no Pleno de onte a moción presentada polo BNG en defensa da biblioteca veciñal de Monte Alto, o portavoz nacionalista ergueuse e entregoulle ao alcalde Os libros arden mal, de Manuel Rivas, e mais Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Nada máis rematar a sesión plenaria, o alcalde devolveu os libros, Carril insistiu en que quedase con eles e que se non os quería llos doase á biblioteca de Monte Alto e non o fixo. Finalmente, o alcalde rexeitou este agasallo simbólico do BNG contra o peche da biblioteca veciñal.
Despois de facerlle entrega dos libros a Alberte Fernández Mariño, presidente da asociación de veciños e veciñas, Carril sinalou en declaracións aos medios que os libros que lle agasallou ao Sr. Negreira recollían cadansúa dedicatoria escrita polo propio portavoz nacionalista. "Puxémoslle de manifesto que a elegancia e a cultura da cidade está nos barrios e nas súas xentes traballadoras, que foron artífices e sostén de bibliotecas como a de Monte Alto", expuxo. "Tamén lle lembramos que as bibliotecas, como os libros, arden mal, e que non son tan doadas de pechar", engadiu.
Carril afirmou ante os medios que "o alcalde demostrou que é bastante soberbio e ingrato, e non porque rexeitara os libros que lle agasallou o BNG; senón que é soberbio e ingrato cos barrios e cos movementos veciñais da cidade". "É soberbio e ingrato coas persoas que chegaron a hipotecar o seu patrimonio para financiar o crédito co que se construíu o edificio que alberga a biblioteca da asociación veciñal de Monte Alto", engadiu.
Como o alcalde renunciou a doar estes libros agasallados polo BNG, foi o propio Carril quen os doou, co fin de chamar a atención sobre a necesidade de que a biblioteca de Monte Alto volva abrir. "O alcalde ten que ser humilde e ten que recoñecer o valor desta biblioteca, que naceu grazas ao apoio dos veciños e veciñas", salientou.
Insistiu Carril en reclamar o que recolleu o BNG na moción que o PP non permitiu debater: recoñecer e defender o valor da biblioteca veciñal do barrio das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules como un centro de múltiples usos sociais esenciais para conseguir unha maior calidade de vida da veciñanza tanto deste barrio como doutros; garantir o financiamento da biblioteca a través da renovación do convenio coa asociación de veciños para permitir que este espazo volva abrir e garantir unha participación real e efectiva das asociacións veciñais nas tomas de decisión que atinxen os barrios en que estean implantadas estas entidades.
O presidente da A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules chama o Goberno municipal a recapacitar e a renovar o convenio
Pola súa banda, o presidente da A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules chamou o Goberno municipal a recapacitar e a renovar o convenio que permitiría manter aberta a biblioteca. "Nós non somos inimigos de ninguén", expresou, "o PP quere meternos no marco político ás entidades veciñais e culturais para atacarnos como se fósemos grupos da oposición". "Nós somos axentes sociais que e culturais que traballamos en defensa dos nosos veciños e veciñas e tratamos de minimizar os efectos dunha crise sistémica", engadiu.
Por último, Alberte Fernández puxo en valor o papel da biblioteca veciñal. "A diferenza entre esta biblioteca e a biblioteca municipal de Verea do Polvorín é que nesta biblioteca se atopa a alma e a vida de moita xente deste barrio", afirmou. "Cada libro ten detrás unha historia, porque moita xente doou os seus libros cando non os precisaba ou cando tiña que emigrar", expuxo.