O BNG chama a participar na manifestación e na folga estudantil contra a LOMCE

O BNG chama a participar na manifestación e na folga estudantil contra a LOMCE

A Coruña, 5 de febreiro de 2013.- O BNG da Coruña chama a mocidade a participar na mobilización que terá lugar mañá, 6 de febreiro, con motivo da folga estudantil contra o modelo educativo do PP. Logo das exitosas manifestacións dos pasados 10 de maio e 17 de outubro, o estudantado galego volve saír á rúa contra a xa chamada Lei da Wertgoña, coa que o PP pretende retornar ao modelo educativo do franquismo.

O BNG estará presente na manifestación que percorrerá as rúas da Coruña a partir das 12h, con saída da Praza de Pontevedra. Deste xeito, as nacionalistas tamén amosan a súa oposición ao anteproxecto da LOMCE, unha lei que acabará co carácter público, universal e gratuíto do ensino, que reforzará o seu papel españolizador e que lle dará protagonismo á Igrexa católica. En definitiva, esta lei plasma a ideoloxía reaccionaria do Partido Popular: as reválidas dos anos 60, a relixión e a centralización do ensino.

O Grupo Municipal do BNG levou ao Pleno ordinario de febreiro, que tivo lugar o pasado luns, unha moción en apoio á folga estudantil e contra o anteproxecto da LOMCE. A iniciativa das nacionalistas, que pedía a adhesión do Pleno da Corporación ao Manifesto aberto en defensa do ensino público galego, nin sequera foi debatida, por non contar co voto favorábel dos edís do PP.

 

 

O BNG chama a participar na manifestación e na folga estudantil contra a LOMCE